A académica da RAGC María José Alonso vén de ingresar na Académie Nationale de Pharmacie de Francia. Fundada en 1803, é unha das institucións científicas máis prestixiosas do país e reúne a destacados expertos que contribúen ao avance da farmacia, as ciencias da saúde e a saúde pública. A elección como Membre Associé está reservada a científicos de recoñecido prestixio internacional cuxa labor tivo un impacto profundo e duradeiro nas ciencias farmacéuticas.

Este novo recoñecemento reforza aínda máis o destacado perfil internacional de María José Alonso e súmase a unha extensa lista de distincións concedidas por relevantes institucións académicas e científicas de todo o mundo. Pioneira en nanotecnoloxía farmacéutica, é catedrática de Biofarmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na Universidade de Santiago. O seu laboratorio de investigación, referencia nacional en nanotecnoloxía farmacéutica, conta con máis de tres décadas de experiencia no desenvolvemento de sistemas avanzados de liberación de fármacos, nanomedicinas, vacinas e terapias baseadas en ARN dirixidas a enfermidades infecciosas, autoinmunes, oncolóxicas e neurodexenerativas.

A profesora Alonso coordinou e participou en numerosos proxectos internacionais de investigación financiados pola OMS, a Fundación Gates e a Comisión Europea. Con máis de 320 publicacións científicas, un índice H de 108 e 26 familias de patentes, é a autora máis citada en España no ámbito de Farmacia e Farmacoloxía e foi clasificada de forma continuada entre as investigadoras líderes a nivel mundial en farmacoloxía e biofarmacia.

Share This