A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié asinaban o pasado ano un convenio para a creación dos “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”. Estes galardóns, que cumpren a súa segunda edición, teñen como obxectivo recoñecer a investigación do máis alto nivel que se desenvolve na nosa comunidade.
Premiaranse traballos realizados en universidades e centros de investigación de Galicia
Este certame distinguirá traballos pertencentes a tres áreas de coñecemento -Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais-, cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit (dous no caso da rama de Ciencias Básicas). Tal como se recolle nas bases dos premios, poderán concorrer aos mesmos todas as persoas investigadoras que presenten un traballo realizado total ou parcialmente en universidades e centros de investigación de Galicia.
Os traballos de investigación deben estar realizados nalgunha das áreas temáticas das seccións da Academia: Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da Saúde; Ciencias Técnicas; ou Ciencias Económicas e Sociais. Só poderá presentarse unha candidatura por solicitante e os traballos deben estar publicados ou aceptados para publicación en revistas de difusión internacional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2024.
O 12 de decembro remata o prazo para presentar as candidaturas a estes premios
As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario electrónico dispoñible na páxina web da RAGC (www.ragc.gal). Describirase o traballo, salientando a súa orixinalidade e explicando a importancia dos principais resultados acadados ata o momento. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 12 de decembro. O xurado estará composto pola presidencia da RAGC e polas presidencias das cinco seccións da entidade -ou persoas nas que deleguen-. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará a principios do vindeiro ano, coincidindo coa apertura do curso da Real Academia Galega de Ciencias.