A RAGC elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015) como “Científica Galega do Ano”. Para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade, vanse celebrar unha serie de actividades ao longo do ano. No marco de “Os Luns do Ateneo”, a sede de Afundación en Santiago acolleu unha conferencia do académico Fiz Fernández, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), centro do que a homenaxeada foi directora -foi a primeira muller en dirixilo- e onde desenvolveu a súa actividade investigadora.

Na súa intervención, titulada “Aida Fernández Ríos, da produtividade das rías á acidificación oceánica”, Fiz Fernández abordou a súa relevancia como investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, sendo unha das principais expertas europeas no estudo da acidificación do océano polo incremento do dióxido de carbono na atmosfera.

Fiz Fernández fixo un repaso pola carreira científica de Aida, desde a súa etapa como técnica do Instituto de Investigacións Mariñas, “onde naceu a súa vocación”. Lembra que dirixiu a súa primeira campaña oceanográfica en 1992, a bordo do buque polaco Professor Siedlecki. “Cos datos recollidos nesa campaña publicou un artigo que foi dos máis citados do IIM” -indica-. Ao longo da súa traxectoria participou en varias campañas internacionais destinadas a medir no océano Atlántico a concentración de dióxido de carbono procedente de actividades humanas. “Estas medidas permiten coñecer a dinámica do océano en relación co quecemento global” -apunta Fernández-.

O investigador pon de relevo que os resultados dos seus traballos recolleunos en 2004 nun artigo publicado na revista Science. “Trátase do primeiro artigo no que se avaliaba a cantidade de CO2 emitido polo home que se acumula no océano, chegando á conclusión de que alcanza o 40% do total e de que o océano xoga un papel fundamental para atenuar o cambio climático, senón o quecemento global sería moito máis forte” -explica-. Apunta que no artigo tamén se evidenciaba que o océano vaise acidificando, o cal ten repercusións negativas sobre as especies mariñas.

O seu legado

O investigador destaca tres importantes legados de Aida. En primeiro lugar, a súa participación nunha serie de campañas oceanográficas no Atlántico Sur, iniciadas no ano 1994 e que permiten dispoñer dunha serie temporal de datos de alta calidade en relación á acidificación do océano. Por outro lado, salienta o deseño dun equipo, bautizado por ela como Gaspar, que, instalado nos buques de transporte, permite medir de maneira continua a concentración de CO2 na auga superficial. Na actualidade, buques oceanográficos como o Hespérides ou o Sarmiento de Gamboa xa o teñen instalado de xeito permanente. Tal como explica Fernández, “esta información envíase a unha base de datos internacional para poder facer estimacións sobre os fluxos de CO2 entre a atmosfera e o océano”.

O terceiro legado que destaca Fernández é a creación da base de datos ARIOS, que integra toda a información recollida nas rías galegas desde o ano 1974. “Permite realizar predicións sobre o cambio climático, tanto nas nosas rías como a nivel global” -afirma-.

Share This