O académico Jorge Martínez-Vázquez acaba de ser investido doutor honoris causa pola Universidade de Málaga. É un referente mundial no eido da economía, experto en descentralización, tributación, xestión fiscal e análise de políticas. O seu traballo destaca en máis de 95 países, colaborando con organizacións internacionais como o Banco Mundial, a ONU ou os gobernos dos EEUU, Sudáfrica, México, Indonesia, Federación Rusa ou China. É membro do Panel de Expertos do Fondo Monetario Internacional desde 1994.

É Regents Professor e director emérito do International Center for Public Policy (Universidade de Xeorxia). Licenciado en Dereito e en Economía e Ciencias Políticas, doutor en Economía, ten publicado 35 libros e centos de artigos en revistas académicas como Econometrica ou Journal of Political Economy. Ten dirixido ou participado en máis dun centenar de teses de doutoramento.

Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu numerosos recoñecementos como o Premio Nacional de Economía 2007-2009 da Federación Rusa ou o Premio Políticas Públicas do Instituto Internacional de Finanzas Públicas en Alemaña. En 1997 incorporouse como membro da Academia Rusa de Ciencias Naturais e en 2006 foi nomeado catedrático honorario da Academia Chinesa de Finanzas e Economía de Beijing. Ademais, foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.

Share This