O académico da RAGC José Luís Mascareñas, catedrático de Química da Universidade de Santiago, vén de ser galardoado co Premio Jaume I á Investigación Básica polos seus traballos pioneiros dentro da química órgano-metálica.

O investigador do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) recibiu o recoñecemento unánime do xurado, quen valorou moi especialmente que o científico galego lograra introducir reaccións catalizadas por metais en células vivas. O seu traballo pode ter diversas aplicacións no eido da biomedicina pola posibilidade de crear os fármacos in situ, no sitio onde actúan para tratar a enfermidade.

Mascareñas defende a enorme relevancia da investigación básica, posto que “o coñecemento que se xera para tentar explorar novos espazos, describir novas aventuras, a longo prazo sempre acaba tendo moitísima utilidade”.

Share This