O académico José Luis Mascareñas Cid, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), recibiu de mans de Felipe VI o Premio Rei Jaume I 2025 na categoría de Investigación Básica. O xurado internacional, no que participaron cinco premios Nobel, distinguiuno polos seus “traballos pioneiros en química organometálica”, especialmente por introducir reaccións catalizadas por metais no interior de células vivas. Esta liña de investigación, desenvolta no CiQUS, abre novas vías para a creación de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina e biotecnoloxía, e supón un recoñecemento ao valor da ciencia fundamental como xerme dos grandes avances.

Os Premios Rei Jaume I, considerados un dos máximos recoñecementos científicos en España, destacan anualmente a personalidades de excelencia en sete categorías. Nesta 37ª edición, o acto de entrega serviu tamén como plataforma para reforzar a mensaxe de apoio á ciencia e a investigación.

Este premio consolida unha traxectoria brillante, avalada por máis de 250 publicacións e distincións como unha ERC Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación.

Share This