O académico da RAGC José Manuel Fernández de Labastida vén de tomar posesión do seu cargo como director da Agencia Estatal de Investigación (AEI), principal organismo financiador da ciencia pública en España, adscrito ao Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Fernández de Labastida conta cunha recoñecida traxectoria en investigación e xestión científica. É licenciado en Física pola Universidad Autónoma de Madrid, doutor pola Universidade de Stony Brook e catedrático de Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, foi director da Unidade de Apoio do Consello Científico do European Research Council (ERC), onde tamén dirixiu o Departamento Científico entre 2011 e 2021. Na Administración española ocupou cargos de máxima responsabilidade, como secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica, director xeral de Investigación e Xestión do Plan Nacional de I+D+I e vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC.

No discurso de toma de posesión, o novo director subliñou o compromiso da AEI coa excelencia, a transparencia e a colaboración internacional, e destacou a importancia da investigación para o desenvolvemento económico e social do país.

A Agencia Estatal de Investigación financia anualmente proxectos de investigación en todas as áreas do coñecemento e xestiona axudas para recursos humanos, centros de investigación, transferencia de coñecemento e innovación, consolidándose como un alicerce esencial para o avance científico e tecnolóxico en España. O nomeamento de Fernández de Labastida reforza a aposta do organismo pola excelencia e a cooperación global, nun momento clave para o impulso da ciencia e a innovación en España.

Share This