A Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título “Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade: retos e solucións do presente e do futuro”. As charlas terán lugar do 1 ao 4 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.
A primeira sesión -1 de xuño- celebrarase en Santiago, no Instituto de Materiais (iMATUS) da Universidade de Santiago. A segunda xornada será no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC. O día 3 o encontro trasladarase ao Kiosco Alfonso da Coruña, e rematará o día 4 no Campus Industrial de Ferrol.
O ciclo está coordinado por José Rivas Rey, académico da RAGC e investigador do Instituto de Materiais (iMATUS) da Universidade de Santiago; e Rosa Menéndez López, investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Explican que esta iniciativa ten como obxectivo achegar “unha visión actualizada dos principais avances da nanotecnoloxía, un campo que experimentou un desenvolvemento rápido e relevante nos últimos anos”. Nestas xornadas participarán recoñecidos expertos dos principais centros de investigación galegos, nacionais e de Portugal.
No transcurso do ciclo afondarase nos retos e solucións que a nanotecnoloxía ofrece nos eidos dos materiais, a enerxía e o medioambiente. Tratarase tamén a súa contribución ás ciencias da vida, en particular as súas aplicacións en medicina, farmacoloxía e biotecnoloxía. E abordarase o seu impacto no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, na medida en que está a transformar a electrónica, a computación e as redes de transmisión de datos.
O impacto da nanotecnoloxía na sociedade e na industria medra cada ano
Os coordinadores salientan que, “como disciplina transversal, a nanotecnoloxía está a impactar practicamente en todos os campos do coñecemento, xerando innovacións con efectos directos na sociedade. Desde os primeiros avances na manipulación da materia a escala nanométrica ata os actuais dispositivos de alta precisión, a súa influencia é xa global e seguirá medrando nos vindeiros anos, con importantes consecuencias científicas, socioeconómicas e industriais”.
Os expertos poñen de relevo que a nanotecnoloxía xa move decenas de miles de millóns de euros ao ano e segue medrando a gran velocidade, cun incremento anual estimado de entre o 8% e o 41%. “Nos últimos anos situouse entre os 70 e os 85 mil millóns de euros, e podería superar os 200–300 mil millóns na vindeira década” -aseguran-. José Rivas destaca que “este crecemento explícase polo seu impacto en múltiples sectores, como a nanomedicina, a electrónica avanzada, a enerxía limpa, a purificación da auga e os materiais de alto rendemento, o que a converte nunha tecnoloxía clave a nivel global”.
Xa está aberto o prazo de INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña.