A RAGC, en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título “Velando pola nosa relación co mar. Os mares dannos vida”. As charlas terán lugar do 16 ao 19 de xuño, de 16:30 a 20:00 horas, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.
O ciclo está coordinado polos científicos do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) Fiz Fernández Pérez -académico da RAGC- e Miguel Gil Coto. Explican que se presentarán algúns dos principais desafíos que marcan a nosa relación como sociedade co mar, centrándose en catro aspectos clave para Galicia: como observamos o mar para determinar o seu estado, como lle está a afectar o cambio climático, como se están a organizar as actividades no mar e como se están a xestionar os recursos que extraemos del.
Nestas xornadas participarán recoñecidos expertos dos principais centros de investigación nacionais e europeos, referentes na súa área. Teñen en común o seu contacto con Galicia, onde teñen desenvolto traballos de investigación ou teñen afondado en procesos que nos afectan. Exploraranse temas fundamentais que abranguen desde o emprego das novas tecnoloxías para o estudo do mar como a teledetección ou os drons, a emerxencia climática, os principais retos no uso sostible do espazo mariño -en particular o potencial da eólica mariña-, ata a relevancia das rías como sustento alimentario, entre outros aspectos.
A relevancia do mar en Galicia
No transcurso do ciclo porase de relevo a importancia que ten o mar na nosa comunidade, onde máis da metade da poboación vive na costa. “Os datos socioeconómicos sobre o retorno que Galicia recibe do mar son rotundos. Dispoñemos dunha frota pesqueira de preto de 4.500 buques, con capturas de peixe fresco que superan as 130.000 toneladas ao ano e unha facturación media duns 435 millóns de euros ao ano” -salientan os coordinadores desta iniciativa-.
Os investigadores destacan que do marisqueo a pé dependen directamente os ingresos de preto de 4.000 persoas. “A produción acuícola, liderada polo cultivo industrial do mexillón, sitúa a Galicia á cabeza do sector en España e como a primeira rexión comunitaria en cultivos mariños. Hai unhas 3.300 bateas dedicadas ao cultivo do mexillón, distribuídas entre 2.400 propietarios e o sector ocupa a unhas 11.500 persoas, o que representa de media un 17,5% da poboación activa dos concellos con produción, chegando nalgúns casos ao 40%”.
Ademais, os coordinadores do ciclo lembran que Galicia é a décima exportadora mundial de produtos da pesca, por diante de países como Xapón ou Islandia, exportando a 121 países. “Ten actividade relacionada coa transformación de produtos do mar en máis de 30 países, onde chega a 65 lonxas para primeira venda de produtos frescos e a 127 portos para o desembarco dos mesmos” -apuntan-.
A relación da sociedade galega co mar
“O relevante de toda esta actividade marítimo-pesqueira e acuícola é que ten a súa base nun pasado cunha compoñente social e cultural moi firme. Esta relación da sociedade galega co uso produtivo do mar calou en moitas facetas da mesma, creando unha cultura propia e xerando un patrimonio marítimo inmoble (arquitectura industrial, arquitectura popular, arquitectura portuaria, vivendas, arqueoloxía), moble (artes de pesca, ferramentas, útiles, pecios, embarcacións tradicionais) e inmaterial (tradición oral-folclore, festas, talasonimia, culinaria mariñeira, oficios, artes, iconografía mariñeira, museos) extraordinariamente extenso. Esta relación entre o mar e a sociedade galega segue evolucionando e enriquecéndose con actividades mais recentes como o turismo e o deporte” -manifestan os investigadores-.
O ciclo diríxese a todo o público interesado neste eido, sobre todo en temas vencellados co cambio climático, a oceanografía, as enerxías renovables, a pesca e a acuicultura; a persoal docente e investigador; e a estudantes de grao, mestrado e doutoramento en disciplinas próximas ao ámbito mariño.
As dúas primeiras sesións -16 e 17 de xuño- celebraranse en Oleiros, no Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia-. As xornadas do 18 e 19 terán lugar en Santiago, na facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago.
O prazo de INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto.