A RAGC continúa cos actos de homenaxe á oceanógrafa Aida Fernández Ríos, “Científica Galega 2026”. En colaboración co Concello de Santiago, vén de colocar unha placa na súa memoria no Parque das Ciencias da cidade, onde a Academia xa ten homenaxeado a outros científicos e científicas ilustres da nosa comunidade. Ao acto asistiu a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; xunto a outros membros da Corporación municipal; o presidente da RAGC, Juan Lema; os académicos Ángel Carracedo e Carlos Pajares; ademais de familiares da homenaxeada.

Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015) foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos. Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago, desenvolveu a súa traxectoria profesional no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo -pertencente ao CSIC-, onde se converteu na primeira muller en dirixir o centro.

O seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, e como repercuten no clima do planeta. Participou na primeira avaliación global dos niveis de CO2 no océano debido á acción humana. Como resultado desta experiencia, publicou un traballo na revista Science onde poñía en evidencia un dos principais problemas aos que se enfrontan os nosos mares: a acidificación. Desde entón, dedicouse a estudar este proceso e alertar dos seus efectos en organismos como os mexillóns. Ao longo da súa carreira participou en 30 campañas oceanográficas no Atlántico, o Índico e a Antártida, ademais de mostrear o litoral galego e a costa portuguesa.

Aida ingresou na RAGC o 18 de xuño de 2015, seis meses antes de falecer, converténdose na terceira muller en incorporarse á Academia.

Share This