A RAGC continúa cos actos de homenaxe ao químico Fernando Calvet, “Científico Galego 2025”. En colaboración co Concello de Santiago, vén de colocar unha placa na súa memoria no Parque das Ciencias da cidade, onde a Academia xa ten homenaxeado a outros científicos e científicas ilustres da nosa comunidade. Ao acto asistiu a alcaldesa, Goretti Sanmartín; xunto a outros membros da Corporación municipal; a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; o tesoureiro da Academia, Manuel Freire; o presidente da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, Juan José Nieto; o vicedecano da facultade de Química da Universidade de Santiago, Pedro Rodríguez; o historiador Ricardo Gurriarán; o catedrático Francisco Díaz-Fierros; e Beatriz Díaz do Grupo Zendal.
Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) foi ointrodutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia, iniciador da investigación química na Universidade de Santiago nos anos 30 do pasado século e pioneiro na aplicación da bioquímica á industria, sendo un dos impulsores do laboratorios Zeltia do Porriño.
En 1929, con tan só 26 anos, gañou a cátedra de Química Orgánica da facultade de Ciencias da USC, neses intres con escasa tradición docente e investigadora no eido das ciencias experimentais, ata o punto de que o centro non dispoñía de ningún laboratorio químico. En 1930 montou un laboratorio para prácticas de Química Orgánica e outro destinado a traballos de investigación, creando un grupo moderno, equiparable aos mellores do Estado e pioneiro nas ciencias galegas.
Na Universidade compostelá, ademais de traballar pola integración das mulleres na docencia, Calvet aportou un aire europeo ás formas docentes, tanto na relación co alumnado como na incorporación do deporte, sobre todo o rugby. Apostou pola sociabilidade universitaria, organizando xornadas de té, música e excursións.