A RAGC elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015) como “Científica Galega do Ano”. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, labor que exerceu desde o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), pertencente ao CSIC. O Concello de Tomiño, localidade na que residía, celebrou unha xornada na súa homenaxe. Esta iniciativa enmárcase nas actividades que o Concello está a desenvolver dentro do Mes da Muller, en particular das iniciativas centradas nas “Mulleres Referentes na Ciencia”.

Abriron o acto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o presidente da RAGC, Juan Lema; e a responsable da Unidade de Cultura Científica do IIM-CSIC, Luisa Martínez.  Participaron no mesmo varios profesionais cos que Aida estivo vencellada ao longo da súa traxectoria: Carmen González Sotelo, delegada do CSIC en Galicia; José Luís Garrido, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, centro do que foi vicedirector cando a homenaxeada exerceu como directora -foi a primeira muller en dirixir o IIM, labor que desempeñou entre 2006 e 2011-; Fiz Fernández, tamén investigador do IIM e académico da RAGC; ademais de Noelia Fajar, doutora en Química á que Aida dirixiu a tese e que na actualidade traballa no IIM.

De auxiliar de laboratorio a profesora de investigación e directora do Instituto de Investigacións Mariñas

O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas José Luís Garrido, quen, ademais de traballar durante tres décadas con Aida Fernández Ríos mantivo con ela unha relación moi estreita, destaca o que el chama “o efecto Aida”: “Tiña un carisma extraordinario e un encanto persoal tremendo, era unha persoa moi alegre, os que a coñecían quedaban fascinados con ela. Co seu sorriso engaiolaba a todo o mundo”.

Garrido manifesta que “Aida representaba a alegría que hai na ciencia, xa que transmitía moito entusiamo polo seu traballo. Era unha científica de primeiro nivel. A Real Academia Galega de Ciencias no puido elixir mellor Científica Galega do Ano”.

O investigador do IIM salienta que a oceanógrafa galega foi un exemplo de como a constancia e o coñecemento levan á consecución de metas profesionais. “Ela entrou no Instituto como auxiliar de laboratorio limpando tubos de ensaio e acabou converténdose en profesora de investigación e en directora do centro” -indica-. Ademais, pon de relevo os seus enormes logros como muller: “Foi das primeiras en moitos aspectos. Así, a bordo de buques oceanográficos foi moitas veces xefa de campaña, estando á fronte de equipos científicos e de tripulacións formadas integramente por homes”.

O seu artigo publicado na revista Science, un dos máis citados da ciencia galega

Respecto á contribución á ciencia de Aida Fernández Ríos, Garrido sinala que o seu traballo axudou a comprender mellor os efectos do cambio climático no océano. “En relación ao estudo da acidificación oceánica, non hai ninguén en España que teña feito unha achega tan relevante” -asegura-. Nesta liña, lembra que o seu artigo publicado na prestixiosa revista científica Science sobre a avaliación dos niveis de CO2 no océano debido á acción humana foi o artigo máis relevante do Instituto de Investigacións Mariñas e un dos máis citados da ciencia en Galicia. “Comprender o que está a suceder no océano como consecuencia do cambio climático é fundamental e a contribución de Aida foi transcendental” -declara o investigador-.

Share This