O químico Fernando Calvet i Prats, elixido como “Científico Galego de 2025” pola Real Academia Galega de Ciencias, centrou unha xornada promovida polo Consello da Cultura Galega. No transcurso da mesma, o doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago Ricardo Gurriarán explicou como Calvet pasou da Universidade de Oxford á de Santiago de Compostela e acabou participando na creación dos laboratorios Zeltia do Porriño. Xosé Luís Pastoriza, doutor en Filosofía pola USC, abordou o seu compromiso con Galicia e a súa relación co galeguismo. O catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC Xoán Carmona incidiu no pulo que Calvet lle deu á industria química na Galicia do século XX. Pola súa parte, o académico da RAGC Manuel Freire centrouse na súa relevancia como pioneiro da bioquímica e promotor da biotecnoloxía na nosa comunidade. E Beatriz Díaz, de Zendal, fixo un percorrido polo grupo biofarmacéutico, cuxos xermes axudou a poñer o propio Fernando Calvet.

Un científico mozo e innovador chega a Compostela

Ricardo Gurriarán explicou que Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, 1903 – Barcelona, 1988) estudou Ciencias Químicas na Universitat de Barcelona e doutorouse na Universidade de Oxford. En 1929, con 26 anos, aprobou as oposicións á cátedra de Química Orgánica da Universidade de Santiago. Na facultade de Ciencias da USC logrou montar o primeiro laboratorio químico para prácticas de alumnos e outro para investigación.

O historiador lembrou que Calvet foi o impulsor da aplicación da química á industria en Galicia. Nesta liña, destacou as súas investigacións sobre o aproveitamento de aceites de peixe para usos industriais, en particular como aceites lubricantes, co fin de valorizar a gran cantidade de refugallo das fábricas de conservas.

“Xusto tres meses antes do comezo da Guerra Civil creáronse os Laboratorios Miguel Ser­vet en Vigo, baixo a dirección científica de Fernando Calvet. Desenvolvían mé­todos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo co obxectivo de obter alcaloides que se empregarían para fabricar o preparado Pan Ergot, indicado para afeccións como a cefalea e os glaucomas, entre outros produtos naturais extraídos da flora do país. Logo dun autoexilio preventivo durante a Guerra Civil, Calvet volveu do estranxei­ro e incorporouse de novo a este laboratorio, para logo incorporarse a Zeltia” -explicou Gurriarán-.

O seu papel na posta en marcha da empresa Zeltia

Calvet foi un dos responsables de poñer en marcha Zeltia, pois foi o principal responsable científico das liñas de investigación que se leva­ron a cabo nestes laboratorios nos seus inicios, cun notable éxito comercial. “Obtiñan substancias activas a partir de plantas medicinais para extraer produtos farmacéuticos, con aplicación á medicina veterinaria e humana. Por medio do aproveitamento de subprodutos a partir dos miúdos dos animais proce­dentes do matadoiro obtiveron extractos hepáticos, aminoácidos, sales, insulinas… Máis adian­te conseguiron vacinas, pesticidas, insecticidas e funxicidas a base de obter principios activos a partir de plantas medicinais. Deseguida, os resultados económicos multiplicáronse ano a ano e axiña comezaron a cooperar coas multinacio­nais farmacéuticas máis importantes de Europa” -salientou o experto-.

Calvet impulsou a socialización e o deporte no ámbito universitario

Tal como indicou o profesor Ricardo Gurriarán na súa intervención, a chegada de Fernando Calvet a Santiago desde Oxford nos anos 30 do pasado século veu acompañada de grandes innovacións para a vida es­tudantil. Foi un pioneiro en canto ás relacións entre profesor e alumnado, acurtando a distancia habitual da época. Ese trato manifestábase a través das numerosas actividades, excursións e almorzos que organizaba, convidaba aos seus alumnos a tomar té na súa casa ou no hotel Compostela… Destacou tamén na difusión do deporte para potenciar a sociabilidade universitaria. Así, foi un dos introdutores do rugby entre o estudantado (logo de practicalo en Oxford) e promotor principal do asociacionismo universitario deportivo; chegando a formar dous equi­pos de rugby, en Ciencias e en Medicina, dos que foi adestrador. Naqueles tempos era doado ver a Calvet facendo footing pola Alameda, acom­pañado de estudantes, ou andando en bicicleta para desprazarse á facultade.

Share This