O Premio RAGC de Divulgación Científica 2026 recaeu no investigador Xurxo Mariño Alfonso (Lugo, 1969). É doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, especializado en neurofisioloxía; profesor do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña. Forma parte do grupo de investigación Neurocom da UDC, así como de varias sociedades científicas estatais e internacionais. É membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

Ten traballado en centros internacionais como o New York University Medical Center e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT-Boston), onde realizou o seu posdoutoramento. O seu labor de investigación en neurofisioloxía céntrase na electrofisioloxía e farmacoloxía do sistema visual, o circuíto tálamo-cortical e o ciclo soño-vixilia. Ten numerosas publicacións científicas en revistas especializadas, así como comunicacións en congresos nacionais e internacionais. Paralelamente, ten desenvolto software especializado de estimulación, rexistro e análise electrofisiolóxica, e colaborado no desenvolvemento de ferramentas estatísticas de análise.

Unha longa traxectoria como divulgador ciéntifico

Xurxo Mariño conta cunha ampla traxectoria dedicada á difusión do coñecemento científico, iniciando a súa actividade neste eido cando era estudante predoutoral na facultade de Bioloxía da USC, coa creación da revista Hallucigenia en 1994. É membro fundador da Asociación Galega de Divulgadores Divulgacción. Desde 2018 dispón dunha excedencia do seu traballo na Universidade da Coruña e dedícase en exclusiva á comunicación da ciencia.

É colaborador habitual en xornais, publicacións e dixitais como as revistas Muy Interesante ou Mètode da Universidad de Valencia. Os seus artigos afondan en temas como o funcionamento do cerebro, internet, a evolución humana e neurociencia… En radio colaborou coa Radio Galega, RNE e no programa Julia en la Onda de Onda Cero. Na actualidade colabora coa TVG e desde 2020 forma parte do equipo do programa Órbita Laika de La2-TVE.

Ten publicado varios libros, entre eles “Os dados do reloxeiro. Ciencia amena para mentes inquietas”, “Po de estrelas”, “Neurociencia para Julia”, “Terra. Ciencia, sorpresas e aventuras dunha viaxe arredor do mundo”, “El misterio de la mente simbólica. Cerebro, lenguaje y evolución”, “La conquista del lenguaje” e “Neuronas para la empoción”. Mantén o blog Vagamundeando.com, dedicado en particular a explicar feitos científicos relacionados coas súas viaxes.

Ten impartido centos de conferencias e seminarios de divulgación e cultura científica para todos os públicos en lugares tan diversos como centros de ensino, museos, bibliotecas, centros penitenciarios, universidades… por todo o territorio nacional e o estranxeiro. Aborda temas como a neurociencia, filosofía e metodoloxía da ciencia, evolución biolóxica, xeoloxía, cosmoloxía, lingüística e paleoantropoloxía…, buscando ligazóns con disciplinas artísticas e humanísticas.

Cafés-teatro científicos

En 2006 iniciou os cafés-teatro cientíticos, unha actividade centrada na difusión da ciencia en bares de pequenas localidades xunto a actores. Tivo un notable éxito e foi incluída pola FECYT entre as ‘prácticas inspiradoras en cultura científica’. Crea e representa por toda España formatos de comunicación científica que mesturan teatro e charla convencional. Os seus shows científicos foron levados nunha xira mundial polo Instituto Cervantes.

Ten recibido varios premios de divulgación como o Premio Especial do Xurado no I Certame FECYT de Comunicación Científica (2011), Premio Tesla de Divulgación (2014), Premio Gala do Libro Galego (2018), Premio Follas Novas (2021) ou Premio Prisma de Divulgación (2024), entre outros.

A importancia da divulgación científica

O premiado amosa a súa “enorme satisfacción” pola concesión deste premio. Salienta que “o coñecemento dalgúns aspectos científicos básicos sobre este mundo no que vivimos é esencial para ter capacidade de pensamento crítico. Na nosa vida cotiá precisamos tomar decisións relacionadas con produtos do coñecemento científico como, por exemplo, as vacinas, a enerxía nuclear ou os alimentos transxénicos. Para decidir podemos deixarnos levar polo que din outras persoas, pero o ideal sería ter unha opinión propia. A divulgación da ciencia serve, entre moitas outras cousas, para iso, para formar unha cidadanía librepensadora con capacidade crítica sobre o funcionamento deste mundo”.

Share This