A RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Os dous proxectos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 11 de xuño no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Optaban a estes galardóns un total de 80 propostas.
Unha tecnoloxía transferida á empresa galega Gazella Biotech
O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. O equipo está coordinado por Miguel López, catedrático de Fisioloxía da USC e referente mundial no campo da obesidade e a neurociencia metabólica. A tecnoloxía premiada transferiuse a Gazella Biotech, unha nova firma biotecnolóxica fundada en Santiago en 2024 como spin-off da USC, que nace co propósito de superar os retos asociados ao desenvolvemento de terapias avanzadas para o tratamento de enfermidades metabólicas, centrándose principalmente na obesidade.
O equipo pon de relevo que a obesidade causa millóns de mortes cada ano debido a comorbilidades como as enfermidades cardiovasculares, a diabetes tipo 2 e algúns tipos de cancro, o que a converte na epidemia máis previble da actualidade. En 2020 a obesidade alcanzou niveis pandémicos a nivel mundial, con máis de 2,8 millóns de mortes. Aínda que a cirurxía bariátrica é o tratamento máis efectivo, non é accesible para todos, e os esforzos para desenvolver fármacos antiobesidade enfrontan desafíos debido ao elevado número de efectos secundarios e á falta de especificidade. Neste contexto, moitos fármacos enfócanse en controlar a inxesta de alimentos -non no gasto enerxético-, e unha das complexidades da obesidade radica na necesidade de desenvolver tratamentos máis personalizados.
A empresa traballa no desenvolvemento dunha nova terapia baseada en vesículas extracelulares pequenas para abordar os mecanismos centrais que modulan o equilibrio enerxético, como unha alternativa de altísimo potencial para tratar a obesidade e as súas comorbilidades. Esta tecnoloxía, que a compañía desenvolveu e publicou recentemente, xa está protexida por unha solicitude de Tratado de Cooperación en Patentes e na actualidade teñen outras dúas patentes asociadas en proceso de revisión. O obxectivo da compañía é completar as actividades preclínicas e dar os primeiros pasos cara ao desenvolvemento clínico desta nova terapia.
A terapia proposta xa mostrou resultados moi prometedores en ensaios preclínicos, resultados publicados en revistas de alto impacto como Nature Metabolism e Metabolism. Logrou mellorar cocientes de obesidade e metabolismo tanto en ratos obesos inducidos por dieta como en ratos obesos xenéticos, sen efectos adversos. O novo enfoque que presenta a compañía podería proporcionar unha solución nova, reducindo significativamente a carga sanitaria global da obesidade e mellorando os resultados nos pacientes.
O desenvolvemento desta nova terapia representa un cambio de paradigma na medicina de precisión. Polo momento, podería ter un impacto directo na obesidade e outras enfermidades metabólicas, así como servir como un tratamento novo para un subgrupo de enfermidades neurolóxicas, comorbilidades oncolóxicas e accidente cerebrovascular isquémico.