A RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2025, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Os dous proxectos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 11 de xuño no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Optaban a estes galardóns un total de 80 propostas.
O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas, de investigadores do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, liderados por Carlos García, e encadrado na investigación predoutoral de María Carracedo.
Tal como explican os investigadores, os aeroxeles son unha tecnoloxía emerxente de vangarda cunhas propiedades extraordinarias. “Destacan pola súa alta porosidade, o seu peso ultralixeiro (baten o récord Guinness como o material máis lixeiro do mundo) e a súa elevada superficie específica. A súa aplicación máis coñecida é como illante térmico en edificios, baterías eléctricas de coches e téxtiles técnicos. Con todo, as súas propiedades únicas están a abrir novas oportunidades noutros sectores como a cosmética, a alimentación e, moi especialmente, a biomedicina” -sinalan-.
“Non obstante, para fins biomédicos requírese que o material cumpra criterios de esterilidade no produto final, o que representa unha gran dificultade debido á súa complexa nanoestructura” -indica García-. Os investigadores da USC lograron, por primeira vez, a produción destes materiais de maneira estéril, abrindo así as portas ao seu uso biomédico en moitas aplicacións como, por exemplo, en implantes óseos, administración pulmonar de medicamentos ou tratamento de feridas. Trátase dunha solución industrial prometedora e viable, tanto desde o punto de vista tecnolóxico como económico, xa que permite a redución de tempos de produción e custos. Dado o carácter único e ecoeficiente da tecnoloxía desenvolta para a produción destes aeroxeles, a invención xa foi patentada.
O carácter único do material obtido, así como o carácter sustentable da tecnoloxía desenvolta, xa foi recoñecido con varios premios internacionais de innovación. Na actualidade atópase en fase de valorización tecnolóxica en colaboración con empresas galegas para a súa transferencia a diferentes usos. Este traballo é froito da colaboración durante máis de dez anos de tres grupos de investigación da Universidade de Santiago, pertencentes á facultade de Farmacia, ao iMATUS -Instituto de Materiais-, iARCUS -Instituto do Medio Acuático para unha Saúde Global- e CiMUS -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas-.