A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela convocaron o XII Concurso “A Ciencia en Imaxe”. Neste certame, dirixido á comunidade universitaria da USC, prémianse fotografías divulgativas de calquera contido relacionado coas ciencias. Os galardóns desta edición entregáronse esta mesma mañá na Aula Magna da facultade de Bioloxía durante o acto de celebración da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias.
As imaxes gañadoras
A gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi María del Carmen Yebra Biurrun, catedrática da facultade de Química da Universidade de Santiago, pola instantánea ‘Reflexo en movemento’. A imaxe premiada recolle o detalle dunha folla flotando na auga.
O segundo galardón, dotado con 100 euros, recaeu en Pablo Falgueras Casarejos, alumno da facultade de Física da USC, pola imaxe titulada ‘Pinga’. A fotografía amosa a beleza do orballo da mañá no bosque, como se o conxunto das pequenas gotas conformasen enlaces químicos.

O xurado, composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, valorou a orixinalidade das propostas presentadas ao certame. Tamén se tivo en conta a estética, a capacidade comunicativa, a calidade e a adecuación á temática do concurso.