O Prof. Dr. D. Ángel Carracedo ingresará mañá na Real Academia Galega de Ciencias

16/12/2014

 A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá, as 7 da tarde, no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado do Instituto de Saúde Carlos III.

O novo académico da RAGC  falará no seu discurso, sobre  “A revolución xenómica e o seu impacto no mundo contemporáneo”. Logo de pronuncialo, recibirá a medalla e o diploma de académico de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos. Asistirán tamén ao acto a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; o reitor da UDC, Xosé Luis Armesto; o valedor do Pobo, José Julio Fernández;  o conselleiro maior do Consello de Contas, Xesús Palmou e o Vicerreitor de Organización Académica e PDI da USC, D. Luis Lima.

Ángel Carracedo (Santa Comba, A Coruña) é catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o centro de maior volume de España na diagnose de enfermidades xenéticas, e do Centro Nacional de Xenotipado do Instituto de Saúde Carlos III. O grupo de investigación que dirixe (Grupo de Medicina Xenómica) está composto por arredor de cen personas de alomenos 15 nacionalidades. Publicou 12 libros e 480 artigos en revistas internacionais, incluídas Nature e Science. As súas principais liñas de investigación son a farmacoxenómica e a xenética do cancro, así como das enfermedades psiquiátricas en idade infantil e a xenética de poboacións. Entre outros galardóns, recibiu o Premio Jaume I de Investigación Médica e o Premio Galien, coñecido como o Nobel do Medicamento, na categoría de Mellor Labor Investigadora.