A Xunta de Galicia vén de crear un Consello asesor en investigación e innovación, integrado por doce expertos de recoñecido prestixio, entre eles os académicos da RAGC Minia Manteiga, Ángel Carracedo e Senén Barro. A súa función será asesorar ao Goberno autonómico materia co obxectivo de reforzar o avance en I+D+i nun momento no que a comunidade despunta en ámbitos como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou a computación cuántica.
Para situar a Galicia como unha rexión de referencia a nivel internacional e impulsar aínda máis a ciencia e a innovación a través da marca I+G+i, a Xunta decidiu reformular este órgano adscrito á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Porá o seu foco na investigación, a transferencia de coñecemento, a valorización dos resultados e a innovación tecnolóxica e empresarial. Un dos seus primeiros labores será participar na elaboración da nova Lei de ciencia e innovación de Galicia.
Os tres académicos da RAGC contan cunha traxectoria científica contrastada tanto no eido nacional como internacional. Minia Manteiga é a primeira catedrática de Astrofísica de Galicia e presidenta da Sociedad Española de Astronomía; Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; e Senén Barro é catedrático de Intelixencia Artificial da USC e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).