A RAGC celebrou acto de ingreso de Otilia Mó Romero (Lira-Salvaterra do Miño, 1947), catedrática emérita de Química Física da Universidad Autónoma de Madrid, como académica correspondente da sección de Química e Xeoloxía da institución. A investigadora pronunciou o seu discurso de ingreso co título “A Cuántica. Unha revolución que empezou hai un século”. O encargado de realizar a laudatio foi o académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago, que foi o seu titor na facultade de Química na USC, o seu director de tesiña e quen lle amosou “a beleza e o encanto do mundo cuántico”.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, Ángeles Peña; a vicedecana da facultade de Medicina da USC, Ángela Torres; o director do departamento de Química Física da USC, Antonio Fernández; a presidenta da Real Sociedad Matemática, Victoria Otero; Ruth Varela, da Fundación Castelao; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
O presidente deulle a benvida á nova académica. “Desde a RAGC valoramos que foi unha das pioneiras da Química Cuántica en España; e tamén e moi especialmente a súa enorme implicación á hora de fomentar a incorporación das mulleres á investigación, en particular na súa etapa como directora do Instituto Universitario de Estudios de la Mujer da Universidad Autónoma de Madrid”. Nesta liña, desde a Academia salientan que foi unha das poucas mulleres con máis de 50 traballos publicados no Journal of Chemical Phisycs e que a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada lle outorgou en 2019 en París o recoñecemento de Muller Distinguida en Química pola súa excelencia e liderado.
A nova académica fixo un alegato en defensa da educación pública e do papel da muller na ciencia
No seu discurso, Otilia Mó fixo un alegato en defensa da educación pública, por un lado, e do papel da muller na ciencia por outro. “Foi un sistema de educación pública o que me levou a min, unha nena dunha recóndita aldea galega, a recibir en París unha distinción como muller investigadora en Química. Este milagre só reflicte o enorme potencial que o noso sistema de educación pública é capaz de acadar. Defendámolo”.
En relación ao papel da Química Cuántica, salientou que “foi decisivo para explorar ámbitos onde a información era escasa e os sistemas obxecto de estudo, na maioría dos casos, non eran estables nas condicións do laboratorio, como no eido da Astroquímica”. En relación a este aspecto, na súa intervención deixou patente a idea fundamental de que “o comportamento cuántico de átomos e moléculas constitúe a clave fundamental e a única vía para comprender os fenómenos máis diversos do noso universo, desde a estabilidade do átomo ata a dinámica das reaccións químicas máis complexas”. Así, no transcurso da súa dilatada carreira, a catedrática investigou unha serie de procesos que ocorren no espazo interestelar.
Por outro lado, destacou “a capacidade da mecánica cuántica para desentrañar os mecanismos dos procesos químicos, unha información que resulta difícil de obter mediante métodos experimentais”. Nesta liña, a nova académica puxo de relevo que “grazas ao desenvolvemento de técnicas cuánticas avanzadas, hoxe é posible `observar´ procesos que ocorren en escalas temporais da orde dos 10⁻¹⁵ segundos, o que abriu a porta ao estudo de reaccións químicas en tempo real”.
“A cuántica tamén nos permite deseñar dispositivos fotovoltaicos como o caso das pilas moleculares. A cuántica desempeñou e segue a desempeñar un papel crucial en infinidade de campos como o dos nanomateriais, as máquinas moleculares, o deseño de fármacos…” -apuntou a catedrática-.
Miguel Ángel Ríos, académico: “A Academia recoñece o seu gran labor en prol do coñecemento científico e da muller investigadora”
O académico Miguel Ángel Ríos, catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago, realizou a laudatio da nova integrante da RAGC. Destacou que “xa en 1970, cando a Química Teórica aínda estaba a nacer en Galicia, eramos todos aprendices e os medios de cálculo dispoñibles eran moi pobres, a doutora Mó, recentemente licenciada, foi capaz de decatarse de que os múltiples aspectos do comportamento químico estaban determinados polas interaccións entre partículas subatómicas, átomos, moléculas e ións e que, polo tanto, o camiño para coñecer en profundidade o devandito comportamento estaba no estudo das referidas interaccións. Por iso optou por dedicar a súa vocación científica á Química Teórica e Computacional”.
Ríos manifestou que “a carreira científica da doutora Mo medrou de modo continuo e espectacular ata alcanzar un alto grao de excelencia e o recoñecemento internacional que actualmente ten. A súa contribución ao desenvolvemento científico da Química, a través da investigación básica en Química Teórica, inxente en cantidade e excelente en calidade, faina merecedora da distinción que hoxe lle outorga a RAGC. A Academia súmase ao coro dos que recoñecen e agradecen o seu gran labor en prol do coñecemento científico no ámbito da Química e da muller investigadora”. Concluíu apuntando que a súa presenza será “de grande utilidade para a vida da Academia e para o desenvolvemento da ciencia en Galicia”.