Otilia Mó Romero

Catedrática emérita de Química Física do Departamento de Química da Universidad Autónoma de Madrid

A catedrática Otilia Mó é especialista no estudo teórico de propiedades intrínsecas e reactividade en fase gas de moléculas e agregados moleculares. Licenciouse en 1970 na Universidade de Santiago con Premio Extraordinario e doutorouse en 1974 na Universidad Autónoma de Madrid. É autora de máis de 420 artigos en revistas científicas e duns 15 capítulos de libros.

Foi directora do Departamento de Química e do Instituto Universitario de Estudios de la Mujer da UAM, presidenta da Sección de Madrid da Real Sociedad Española de Química, e directora xeral de Programas e Transferencia de Coñecemento da Secretaría de Estado de Universidades do Ministerio de Ciencia e Innovación. Foi avaliadora da Fundación La Caixa, do Programa Consolider, e membro do Comité do Premio Rey Jaime I en Investigación Básica.

No eido internacional, foi vicepresidenta da ECTNA (European Chemistry Thematic Network Association), promotora do Máster Europeo TCCM (Theoretical Chemistry and Computational Modelling) e da Innovative Training Network (ITN) para o European Joint Doctorate on TCCM.  Foi Postdoctoral Research Ass. na Carnegie Mellon University co profesor John A. Pople (Premio Nobel de Química 1998), Visiting Professor na School of Chemistry da Universidade de Sidney, na Université d´Evry val d´Essone (París) e na Dalhousie University (Canadá). Foi a coorganizadora do IX Congreso Trienal do WATOC (World Association of Theoretical and Computational Chemists) en Santiago de Compostela en 2011. En 2019 foi nomeada en París como “Distinguished Women in Chemistry” pola IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry).