O académico Prof. D. Fernando Fraga Rodriguez finou o día 12 de setembro de 2020 en Nigrán ós 98 anos de idade.   O Prof. Fraga, pioneiro da investigación oceanográfica e da química mariña en España desenvolveu unha amplísima labor de investigación,  na procura do coñecemento do medio mariño. Fernando Fraga é un exemplo de entusiasmo e de compromiso coa Ciencia, coa RAGC e con Galicia.

Comezou a súa brillante traxectoria na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciara en Ciencias Química no ano 1946, como profesor de Química   Orgánica en 1950, tras doutorarse pola Universidade Complutense de Madrid. Incorpórase en 1953 ó que hoxe é o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo  onde desenvolveu practicamente toda a súa investigación, ata o ano 1987, cando é nomeado Profesor emérito e Académico Numerario da RAGC.

Durante a súa carreira, publicou máis de 120 traballos de investigación e participou nunha quincena de campañas oceanográficas, que lle permitiron coñecer de primeira man os principais mares do planeta, incluíndo a ría de Vigo, á que dedicou un enorme esforzo. Destacan os seus traballos sobre a bioquímica do mexilón, o balance de nitróxeno nos océanos, a dinámica das masas de auga nas rías e a costa galega e a  estequiometría da fotosíntese e mineralización.

Entre las condecoracións recibidas, destacan a Medalla de Galicia (1992), o Primeiro Premio Iberoamericano en Ciencias Mariñas (1999) e o Premio Antonio Casares de Investigación Científico-Técnica (1999).

Foi o director da Tese de doutoramento da académica Prof. Aida Fernández Ríos e do Prof. Fiz Fernández, académico electo da RAGC.

Share This