
Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas
O papel determinante que exercen a ciencia e a tecnoloxía no desenvolvemento económico e o benestar social
dun país son a día de hoxe indiscutibles. Por iso, comunicar a ciencia á sociedade galega, facendo partícipe á cidadanía dos achados científicos e tecnolóxicos e/ou as súas aplicacións, así como tamén os casos de transferencia de coñecemento ás empresas galegas, convértese nunha prioridade para que ese papel dominante do coñecemento implique a todos os galegos e galegas.
Sabemos que os medios de comunicación poden contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo e que, polo tanto, procede estimular e recoñecer as actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os/as profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.
Por estes motivos, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convoca a quinta edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.


Convocatoria 2020
ll A proposta debe consistir nunha peza xornalística de carácter informativo en formato escrito ou audiovisual publicado ou emitido entre o 1 de xuño de 2019 e o 20 de maio de 2020 en calquera medio galego.
A dotación do premio será de 3.000 € e irá acompañada dun diploma acreditativo. Asemade, concederase un accésit dotado con 1.000 € para o segundo traballo mellor valorado, tamén acompañado dun diploma acreditativo.
O prazo para presentar traballos rematará o 15 de xuño de 2020.