A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, falla os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2026, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento. Os dous proxectos distinguidos recibirán un premio de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 15 de abril no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Optaban a estes galardóns un total de 90 propostas.
Unha tecnoloxía transferida á empresa Actega Artística, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos
O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o Grupo de Control non Liñal, integrado no departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. O proxecto galardoado está coordinado por Miguel Ramón Díaz-Cacho e a tecnoloxía desenvolta transferiuse á firma galega Actega Artística, con sede no Porriño, moi ligada ao sector conserveiro, dedicada ao deseño e fabricación de compostos selantes para envases metálicos, así como de equipamento de aplicación dos mesmos.
O equipo pon de relevo que “cando abrimos unha lata de mexillóns ou de refrescos, en xeral, só nos fixamos no contido e ás veces no continente, pero hai multitude de compoñentes que acompañan a ambos, como o composto selante entre o corpo e a tapa, que permite que o contido permaneza illado da contorna. O problema é que este composto aínda se deposita nas tapas dos envases dun xeito analóxico e cun control manual”.
Así, o equipo da UVigo desenvolveu a tecnoloxía ROTARflow, que converte o proceso nun proceso dixital, permitindo un control absoluto do mesmo. “A posibilidade de coñecer en milisegundos a cantidade de selante depositada na tapa, permite controlar e corrixir en tempo real as posibles desviacións. Ademais, pódense incorporar eses e outros datos a un sistema de análise estatística, o que dá como resultado un control de calidade total sobre cada unha das tapas, podendo coñecer deste xeito as medias, as desviacións, os indicadores de produción e todas as tendencias futuras do proceso” -aseguran-.
“A mellora no proceso de depósito do compoñente de selado nas tapas dos envases de conserva, non só exerce un impacto no aumento da produción ou unha mellora nos controis de calidade, senón que permite ademais un aforro importantísimo de material selante, evita o desperdicio de millóns de tapas de aluminio ou outros materiais, evita desprazamentos de persoal especializado cando se detectan anomalías na produción debido á intervención automática e remota na máquina inxectora, ao tempo que fai posible un mantemento preventivo moito máis eficaz ao concentrar as actuacións só cando son necesarias” -salientan os investigadores-.
O impacto directo desta innovación na industria abrangue nestes intres a tres continentes, con instalacións en produción e en proba en países como México, Brasil, Francia, China, Alemaña, EEUU e España.