Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) anuncia a concesión do seu primeiro Premio de Divulgación Científica a Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na facultade de física da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O galardón recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademáis da organización de todo tipo de actividades para o gran público. Desde 2005, dirixe o Programa ConCiencia, unha iniciativa ideada por el para promover a divulgación a cargo de científicos de primeira orde a nivel internacional, cos que ten traído a Galicia a numerosos Premios Nobel para impartir charlas dirixidas ao público xeral. Tamén é fundador e promotor de iniciativas como a Nerd Nite e varias actividades de observación astronómica na Costa da Morte, así como director da colección de divulgación científica da editorial da USC e comisario de exposicións como “Un mar de xenios na Fin da Terra”, a máis visitada en Galicia en 2013. Entre os libros de divulgación publicados por Mira destacan “¿A qué altura está o ceo?” e “A ciencia no punto de mira”. As súas colaboracións en medios de comunicación, que comezaron a finais dos anos 90, inclúen a publicación de artigos en La Voz de Galicia e a participación en programas da Radio Galega e de Televisión de Galicia (TVG), a través de seccións propias sobre divulgación, así como tamén en Radio Nacional de España (RNE) e Televisión Española en Galicia (TVE-Galicia).

Premio de Xornalismo Científico

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, dotado con 3.000 euros netos e convocado conxuntamente coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), será recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada “Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán”, publicada o 30 de outubro de 2019. O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspóndelle ao segundo traballo mellor valorado, titulado “A aposta científica das aulas galegas”, asinado por Selina Otero e publicado o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.

Cerimonia mañá en Santiago

Estes galardóns serán entregados mañá nunha cerimonia que terá lugar en Santiago de Compostela, na que tamén serán concedidos os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, convocados tamén conxuntamente pola RAGC e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). A spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble recollerá o premio “Ricardo Bescansa Martínez” como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía; o grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o premio “Francisco Guitián Ojea” á mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial; e o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC, o premio “Fernando Calvet Prats” por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial.

Share This