III Premio Galicia de Xornalismo Científico

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre ata o 15 de xuño o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Galicia de Xornalismo Científico 2018. O proceso de participación simplifícase de xeito significativo ao habilitar a presentación de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da RAGC (ragc.gal) e de GAIN (gain.xunta.gal) a partir do 23 de abril. O galardón, que alcanza a súa terceira edición, recoñecerá con 4.000 euros netos o mellor traballo de difusión da investigación científica publicado por un medio de comunicación entre o 1 de xullo de 2017 e o 15 de abril de 2018 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. Os xornalistas poden presentar ao certame –a título individual ou en equipo– noticias, crónicas ou reportaxes que teñan como tema principal calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolvida en Galicia: achádegos, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación, casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado, etc. A entrega do premio terá lugar o 8 de outubro, durante o acto no que se celebra o Día da Ciencia en Galicia.