Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, abre desde o 1 de abril ata o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019.

Co obxectivo de facer o proceso de presentación de proxectos máis doado, simplificaronse as bases e reduciuse o tamaño máximo das memorias. Como os anos anteriores. a tramitación das candidaturas faise telemáticamente.  Os destinatarios destes galardóns, que este ano chegan á súa quinta edición, son os investigadores e as empresas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento.  

A RAGC e a GAIN colaboran de novo na organización deste certame para recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, investigadores e empresarios. 

Convócanse os seguintes premios:

a.- Premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada, dotado con 6.000 €, para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de  investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. (Formulario)

b.- Premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, dotado con 6.000 €, froito da colaboración cunha empresa. O premio irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida. Será válido calquera mecanismo de transferencia dende o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin-off, etc.). (Formulario)

c.- Premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, dotado con 6.000 €, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. O premio irá destinado á empresa que implantou con éxito a tecnoloxía transferida. Será válido calquera mecanismo de transferencia dende o grupo á empresa (adquisición de patente, proxecto conxunto, spin-off, etc.). (Formulario)

Consulta aquí as bases.