Prof. Dr. D. Ramón María Aller Ulloa

Día do Científico Galego 2011

Ramón María Aller Ulloa naceu o 3 de febreiro de 1878 na Casa de Filgueiroa en Donramiro, Lalín. Comezou os seus estudos cos xesuítas na Guarda e continuounos posteriormente nos Seminarios de Lugo e Santiago. Con vinte anos obtivo un doutoramento en Teoloxía e foi ordenado sacerdote. De seguido, decide desenvolver a súa pasión pola Ciencia e se matricula en Ciencias Exactas. Unha vez rematada a carreira, en torno a 1905, comezou a facer observacións astronómicas dende a súa casa, xa en Lalín, utilizando un anteollo e mais un teodolito. As súas observacións do cometa de Joannesburgo 1910a chegaron a ser publicadas no Anuario do Observatorio de Madrid.

Logo realizou unha serie de observacións e estudos teóricos que foron publicados na Revista de la Sociedad Astronómica de España y América, así como varios traballos de Matemáticas que apareceron en Ibérica. En 1917, e como consecuencia dos veráns que pasou no observatorio Ocharan, en Castro Urdiales, decidiu crear en Lalín o seu propio Observatorio co obxecto de traballar en mellores condicións.

O ano seguinte aparece o seu primeiro libro baixo o título de “Algoritmia” co patrocinio do seu tío Saturnino. Ao morrer este, Ramón María Aller queda cos seus bens en usufructo e decide aumentar o instrumental de observación adquirindo en 1924 un refractor Stenheil de 120 milímetros de abertura. Os resultados das observacións que levou a cabo con este instrumento sobre eclipses, auroras, choivas de meteoros, cometas, tránsitos, etc., publicáronse principalmente na prestixiosa revista alemá Astronomische Nachrichten, así como na francesa L´astronomie, sendo os seus estudos sobre estrelas dobres pioneiros en España.

Tivo tamén unha estreita relación co Seminario de Estudos Galegos, algúns de cuxos membros o vistaban de cando en vez no Observatorio.

En 1940 comeza a súa labor de docente na Universidade de Santiago de Compostela, onde tres anos despois se inaugura, co patrocinio do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), un Observatorio na Residencia Universitaria ao que se trasladan os instrumentos de Lalín, aínda que coa promesa de adquirir para o padre Aller outros de maior envergadura.

En 1943 presenta a súa tese de doutoramento na Universidade de Madrid, publica “Introduccion a la Astronomía” e é nomeado director do novo Observatorio universitario. Pouco despois créase a cátedra de Astronomía, a que accede, e ve a luz a “Astronomía a simple vista”.

Durante estas décadas foron pasando polo Observatorio varios doutorandos, becarios e colaboradores, entre os que se atoparon Vidal Abascal, Ferrín Moreiras, García-Rodeja, Pensado Iglesias, Cid Palacios, Costa Seoane, etc. Todos eles e outros máis poden ser considerados os seus discípulos directos. Especialmente con Vidal tivo unha estreita relación científica e persoal, sendo este quen lle impulsou ir a Santiago e mesmo a publicar algún dos seus libros.

Ademais de introducir en España as investigacións sobre estrelas dobres, foi membro da Comisión 26 encargada destes estudos na Unión Astronómica Internacional, e máis tarde membro da Comisión Nacional de Astronomía. Autor de 78 publicacións científicas, descubridor de 4 estrelas dobres e director de 5 teses de doutoramento, pode ser considerado non só o pioneiro da investigación astronómica en Galicia, senón tamén un dos astrónomos españois máis destacados do sécuo XX, a pesares dos cativos medios dos que dispuxo.

Cae enfermo en 1964 e trasládase a súa vila natal, onde morre o 28 de marzo de 1966, aos 88 anos de idade.

A súa calidade humana e a súa categoría científica deixaron unha forte pegada na sociedade galega pero sobre todo en Santiago e Lalín, onde a súa figura manténse viva a través do Observatorio Astronómico que na USC leva o seu nome, e que a dia de hoxe é unha referencia internacional; e máis no Museo lalinense con sede na antiga casa familiar dos Aller, anexa á cal atópase o antigo Observatorio, recuperado no ano 2011.

Nos últimos anos, os libros e mais todas as súas publicacións científicas foron reeditados pola Universidade de Santiago de Compostela.

PROGRAMA

22 de Abril de 2011

Pazo de San Roque
Santiago de Compostela

19:00 h. Apertura do Acto
Profesor Dr. D. Ernesto Vieitez Cortizo
Presidente da Real Academia Galega de Ciencias
19:10 h. Semblanza a cargo da familia por
Sr. D. Vitorino Gutiérrez Aller
Sobriño de D. Ramón María Aller Ulloa
“Aspecto persoal, familiar e humano de D. Ramón María Aller”
19:40 h. Conferencia
Prof. Dr. D. José Ángel Docobo Durántez
Catedrático de Astronomía da Facultade de Matemáticas e Director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC
“Ramón María Aller Ulloa, pioneiro da investigación astronómica en Galicia”

Documentos

PDF  / CARTEL