A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié crearon os “Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC”, destinados a recoñecer as mellores investigacións que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos nesta segunda edición recibirán 5.000 euros cada un nun acto que se celebrará o 28 de xaneiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Condecéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías.
Premio en Ciencias Básicas: unha nova opción terapéutica para diferentes tipos de cancro
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto liderado por María Dolores Mayán Santos, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo, en colaboración con outros equipos nacionais e internacionais. Identificaron unha nova diana terapéutica para abordar tumores con mutacións no xen BRAF, mutacións presentes no 8% de todos os tumores humanos e que os fai resistentes aos tratamentos.
Este traballo identifica a proteína conexina 43 como unha potente diana terapéutica, capaz de frear o crecemento dos tumores e evitar a aparición de resistencia aos fármacos, ou mesmo revertela unha vez que se teña producido. O traballo revela por que as células tumorais se desfán desa proteína para poder sobrevivir e como, ao restaurala, os tumores poden ser conducidos á morte celular. Ademais, descubriron que este efecto multiplícase ao combinalo con fármacos que tamén danan o ADN das células tumorais. Con estes resultados, os investigadores desenvolveron e patentaron unha innovadora estratexia terapéutica baseada en ARN mensaxeiropara transportar a proteína conexina 43 ao núcleo das células tumorais. Os seus achados son de especial interese para o tratamento do melanoma, do cancro de mama e do cancro colorrectal, ao tempo que abre a porta para o desenvolvemento de novos terapias para outro tipo de tumores.
Accésit en Ciencias Básicas: uso de compostos orgánicos para conseguir baterías máis rendibles, económicas e sostibles
Na categoría de Ciencias Básicas concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Manuel Souto Salom, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares -CiQUS- da Universidade de Santiago. Avanzan no uso de eléctrodos orgánicos en baterías debido ás súas vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais. Salientan que “os materiais orgánicos permiten reducir a dependencia de metais críticos como o litio, o cobalto ou o níquel, cuxa extracción leva altos custos ambientais e sociais. Ademais, a súa lixeireza e flexibilidade fai posible o desenvolvemento de baterías máis ergonómicas, adaptables e biodegradables”. Con todo, un dos principais desafíos é a baixa condutividade electrónica de moitos compostos orgánicos e a tendencia dalgúns materiais a disolverse no electrolito. Para superar estas limitacións, deseñaron e sintetizaron un novo polímero orgánico poroso, que, unido a nanotubos de carbono, alcanza densidades enerxéticas superiores a moitos materiais orgánicos. A súa reciclabilidade facilita a recuperación e reutilización dos materiais ao final da vida útil das baterías. En canto ao seu rendemento, estes compostos ofrecen tempos de carga rápidos e unha boa capacidade de almacenamento.
Accésit en Ciencias Básicas: a utilidade das matemáticas para resolver problemas complexos en física e enxeñaría
Outro dos accésit no eido das Ciencias Básicas foi para Hamza Al-Shdaifat e Rosana Rodríguez, da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. O seu traballo, de carácter teórico, versa sobre novidosos conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos que presentan unha dinámica non estándar como é o caso dos procesos “con memoria”. Entre as posibles aplicacións do seu achado, destaca a modelización matemática ou computacional de fenómenos onde é preciso incorporar a historia do proceso.
Premio en Ciencias Técnicas: extracción de xelatina a partir da pel do peixe
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para Cristina Gallego Rodríguez, que traballa no grupo coordinado por Ana Mª Soto Campos, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais -CRETUS- da USC. O seu proxecto aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. Propoñen un xeito innovador e máis sustentable de aproveitar este material, empregándoo para obter xelatina de alta calidade mediante o uso de disolventes eutécticos. Estes disolventes permiten substituír os tratamentos químicos agresivos tradicionais por un proceso máis respectuoso co medio, mellorando ademais o rendemento da extracción e as propiedades funcionais da xelatina obtida. Os resultados amosan que, axustando adecuadamente as condicións do proceso e a especie de peixe -centráronse en particular no atún-, é posible producir xelatinas con excelentes capacidades. Ademais, a posibilidade de adaptar o proceso en función da materia prima e as propiedades finais desexadas, abre novas oportunidades industriais nos sectores alimentario, farmacéutico e cosmético.
Accésit en Ciencias Técnicas: un sistema de planificación intelixente para optimizar o proceso de construción de buques
Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais -CITENI- da Universidade da Coruña (Campus de Ferrol), liderado por Javier Pernas Álvarez. Explica que “a construción dun buque pode compararse cun xigantesco crebacabezas: centos de bloques de aceiro, algúns de centos de toneladas, deben fabricarse e ensamblarse nunha orde moi precisa para formar o casco. Se unha peza non está lista a tempo ou non hai espazo onde almacenala, a produción detense e cada día de atraso supón miles de euros en custos”. Sinala que, ata agora, este proceso xestionábase en gran medida de maneira artesanal. Así, o traballo premiado aborda o reto da planificación mediante técnicas avanzadas de optimización. Aseguran que a metodoloxía desenvolta, resultado de aplicar a intelixencia matemática á planificación industrial, permite xerar plans de produción de alta calidade en tempos razoables para proxectos de grande envergadura, reducindo os recursos e evitando saturacións nos espazos de traballo. “Reforza a transferencia de coñecemento entre a universidade e o sector produtivo galego, ao tempo que abre o camiño para implantar este sistemas noutras industrias cun uso intensivo da ensamblaxe como a aeroespacial ou a construción modular” -apuntan-.
Premio en Ciencias Sociais: por unha última milla máis sostible no comercio electrónico
O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo que traballa na xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico. A investigadora Iria González Romero sinala que “é a fase final e máis crítica do proceso, o transporte do pedido desde o derradeiro centro de distribución ata a entrega ao cliente, clave para a satisfacción do mesmo e un dos máis custosos da cadea loxística, cun alto impacto ambiental”.
A investigación, realizada en colaboración coa Universidade Libre de Bruxelas, a de Liverpool e a Politècnica de València, proporciona varias ferramentas e directrices para facilitar o deseño e posta en marcha de estratexias sustentables nesta fase do comecio electrónico. Os investigadores identificaron unha serie de innovacións respectuosas co medio como a correcta implementación de envases reutilizables, a recolocación do stock, o redeseño de rutas segundo a densidade da demanda, o redeseño da frota de vehículos ou o uso de puntos de recollida para a loxística inversa. “Os resultados son de interese para que minoristas online e compañías de transporte modifiquen as súas estratexias e aposten por unha última milla máis sostible” -indican-.
Accésit en Ciencias Sociais: sustentabilidade e rendemento financeiro nas pemes
Na categoría de Ciencias Sociais outorgouse un accésit ao grupo de María Garrido Ruso, da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Realizaron un estudo que analiza o impacto das prácticas ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) no rendemento, o risco e a resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, desenvolveron un índice ESG especificamente adaptado a pequenas empresas e conclúen que non existe unha relación directa entre a implantación global deste tipo de prácticas e a mellora do rendemento financeiro. Con todo, ao analizar as distintas dimensións por separado, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das empresas en contextos de crise como a pandemia da COVID-19. O estudo ofrece orientacións para directivos, ao demostrar que a sustentabilidade non debe abordarse de forma agregada, senón priorizando aquelas áreas -como o capital humano- que xeran un maior retorno económico e social nas pequenas empresas.