A RAGC, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, falla a undécima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026. Está destinado a galardoar unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago.
O xurado acordou conceder o premio -dotado con 3.500 euros- á reportaxe “Os fármacos do centeo” da xornalista Teresa Rocamonde, emitida o 30 de abril de 2025 na Televisión de Galicia. Esta peza narra a historia dos primeiros fármacos elaborados en Galicia con caruncho, un fungo do centeo utilizado pola medicina popular desde hai séculos. Foi nas vésperas da guerra civil cando se inaguraba en Vigo o Instituto Miguel Servet, que tres anos despois daría lugar á actual Zeltia, unha das grandes compañías químico-farmacéuticas de Galicia. O caruncho foi a base do primeiro fármaco rexistrado polo laboratorio. Tal como salienta a galardoada, “ciencia e cultura únense neste capítulo, que forma parte da serie `Historias a pé de páxina´ da TVG, que trata de dar protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”.
O xurado pon de relevo que este traballo xornalístico “conecta co papel da muller no agro, dedicada neste caso ao cultivo do centeo, que converteu a Galicia no seu momento nun referente na produción do caruncho con fins médicos. Ademais, recolle todo o proceso da I+D+i na elaboración dos preparados farmacéuticos, dende o laboratorio ao mercado”.
Rocamonde: “Os fármacos do centeo permítenos descubrir que a Galicia actual é froito do esforzo de moitas persoas que lograron superar adversidades”
Teresa Rocamonde (Santiago, 1975) é licenciada en Ciencias da Comunicación, especialidade en Periodismo, e Máster en Sociedade da Información e o Coñecemento pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en axencias, prensa, radio e televisión. É autora de varios libros, entre eles “Os segredos do Vilas”. En 2007 uniuse ao equipo de Edicións Bolanda, onde desempeña a función de responsable de comunicación e coordinación editorial.
Salienta que “nunha época de grandes cambios e de desinformación, é importante poñer en valor o papel do xornalismo como ponte entre a sociedade e a comunidade científica, así como o labor esencial da ciencia e da investigación. Historias como Os fármacos do centeo permítennos descubrir, con orgullo, que a Galicia actual é froito do traballo, o compromiso e o esforzo de moitas persoas que lograron superar adversidades e construír o futuro que hoxe desfrutamos. Por iso quero agradecer moi especialmente á RAGC iniciativas como estes premios, que reforzan a credibilidade e a necesidade do xornalismo no mundo actual”.
Accésit para a xornalista Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito
A segunda peza mellor valorada -dotada con 1.500 euros- é a reportaxe titulada “Así es el «Google Maps» de los cirujanos” da xornalista Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, publicada en “La Voz de la Salud” -o portal de saúde, benestar e nutrición de La Voz de Galicia– o 16 de novembro de 2025. Amosa como o equipo de impresión 3D do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) deseña modelos tridimensionais para poder planificar e optimizar intervencións que teñen que ver con órganos de complexidade anatómica pola súa estreita relación con outras estruturas vitais e alta probabilidade de complicacións graves, como o fígado ou o páncreas, así como de tumores grandes. “Esta planificación cirúrxica tamén ofrece vantaxes ao paciente, posto que, na consulta previa á cirurxía, pódeselle explicar que cantidade de órgano se vai quitar, onde se atopa o tumor…, o que lle aporta unha maior tranquilidade” -sinala a autora-. Así mesmo, destacáse a utilidade dos equipos de impresión 3D noutras especialidades como traumatoloxía ou cardioloxía.
O xurado apunta que “esta reportaxe recolle un caso de transferencia de tecnoloxía do laboratorio á clínica que repercute directamente na vida das persoas”. Ademais, pon de relevo o seu carácter didáctico.
Cinthya Martínez (Noia, 1997) é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago, especializada en novas narrativas. Despois de traballar na edición local de La Voz de Galicia en Santiago, desde 2021 forma parte do equipo de “La Voz de la Salud”.
ENLACE Á REPORTAXE
O papel dos medios de comunicación na difusión da ciencia
A RAGC considera que “a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade”. Nesta liña, a Academia manifesta que os medios de comunicación poden contribuír “dun xeito decisivo” a acadar este obxectivo.
O xurado desta edición estivo composto polo académico da RAGC Pedro Merino, que actuou como presidente; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Talento e Transferencia de Gain, María José Mariño; e a técnica da Área de Programas de Gain Silvia López.