A RAGC continúa cos actos de homenaxe á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015), “Científica Galega 2026”. Esta mañá presentouse no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) o libro “Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica”, xustamente no centro onde ela era investigadora e fora a primeira muller en dirixilo. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un percorrido pola traxectoria profesional e vital da científica.

Á presentación do libro asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e a directora do IIM, Beatriz Novoa. No transcurso do evento celebrouse unha mesa redonda cos investigadores do IIM Carmen González e José Luis Garrido; e o sobriño da homenaxeada, Miguel Fernández. Moderouna Gabriel Rosón, catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, coordinador da  publicación xunto ao académico e investigador do IIM Fiz Fernández. A encargada de pechar o acto foi a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González.

A súa inves­tigación evolucionou desde as rías galegas ata o océano global

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, refírese no libro á homenaxeada como “o rigor da ciencia e a alegría de vivir”. Salienta que Aida, que ingresara na RAGC uns meses antes de falecer, “soubo ampliar o horizonte sen perder a raíz. A súa inves­tigación avanzou desde as rías galegas ata o océano global. Tiña capacidade para relacionar o próximo co universal, para comprender que os procesos observados nas nosas costas forman parte dos grandes equilibrios do planeta. Inves­tigaba o océano movida pola convicción de que comprender o funcionamento do planeta constitúe unha obriga ante a sociedade e ante as xeracións futuras”. Pola súa parte, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, pon de relevo que “o labor científico de Aida foi capital para situar a investigación mariña galega no contexto internacional dos actuais estu­dos oceanográficos”.

Os coordinadores da publicación son o académico da RAGC e investigador do IIM Fiz Fernández e o catedrático da facultade de Ciencias do Mar da UVigo Gabriel Rosón. Sinalan que “a traxectoria científica de Aida Fernández Ríos constitúe unha das contribucións máis destaca­das da oceanografía galega ao coñecemento do océano e do seu papel no sistema climático terrestre. Ao longo de máis de catro décadas de actividade investigadora, participou na transformación dunha disciplina que pasou de describir procesos locais en ecosistemas costeiros a abordar cuestións de alcance planetario relacionadas co ciclo do carbono, o cambio climático e a acidificación oceánica”.

Pioneira en estudar como a acidificación do océano, provocada pola acumulación de CO2 procedente das actividades humanas, afecta a numerosos organismos mariños

Os coordinadores do libro explican que as investigacións de Aida contribuíron a comprender mellor un dos grandes servizos que o océano presta ao planeta: a absorción dunha parte substancial do dióxido de carbono emitido polas actividades humanas. “Grazas a esta función regula­dora, o océano actúa como un importante amortecedor do cambio climático, aínda que ao prezo de modificacións progresivas da súa química interna que hoxe coñecemos como acidificación oceánica” -apuntan-. Nesta liña, salientan que Aida participou nos primeiros estudos capaces de documentar e valorar as repecursións da acidificación do océa­no profundo. Así, tal como indican, “a medida que o océano absorbe parte do CO₂ xerado polo home, prodúcense modificacións na química da auga, o que afecta a numerosos organismos mariños”. Aseguran que os traballos de Aida contribuíron non só a describir un fenómeno emerxente, senón tamén a establecer as bases necesarias para avaliar a súa evolución futura.

Fiz Fernández e Gabriel Rosón manifestan que “a traxectoria de Aida Fernández Ríos foi evolucionando desde o estudo da produtividade costeira das rías galegas ata a comprensión dos grandes cambios bioxeoquímicos que afectan ao océano global”. Afirman que a súa obra representa un exemplo de como a observación rigorosa, sostida durante dé­cadas, pode transformar datos en coñecemento e converter preguntas locais en respostas relevantes para comprender o funcionamento do sistema Terra.

Share This