Ana Cebreiro Gómez

Responsable de Tributación Internacional do Banco Mundial

Graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Iniciou a súa carreira académica e profesional baixo a orientación do profesor Luis Caramés Viéitez, ampliando estudos nas Universidades de Barcelona e Essex. Doutourouse en Essex en 2001. Foi asistente de investigación en Santiago e na Universidade Autónoma de Barcelona, así como profesora axudante na Universidade de Essex e profesora invitada na City University. 

Analista e investigadora na Inland Revenue (a Axencia Tributaria británica), do 2001 ao 2004, exerceu logo durante un breve período como consultora, para entrar despois na OCDE, residindo en París ata 2013, ano no que comeza o seu traballo no Banco Mundial onde actualmente é responsable de Tributación Internacional. 

Ana Cebreiro é autora ou coautora dun número relevante de publicacións en revistas de prestixio, participa con frecuencia en seminarios e conferencias internacionais, abordando temas de política fiscal, transparencia, fluxos financeiros ilícitos, cooperación internacional, entre outros.