Presidente de Honra

Miguel Ángel Ríos Fernández - Catedrático Emérito de Química Física e Profesor Ad honorem da USC

Biografía

Miguel Ángel Ríos Fernández comezou como bolseiro da Fundación Juan Marx e especializado na Universidade de Kent, para despois ser o impulsor da Química Cuántica en Galicia. No seu grupo, instalouse o primeiro ordenador vectorial que chegou á comunidade, un Convex C-120, e baixo a súa dirección directa formáronse cinco catedráticos de universidade e sete profesores titulares distribuídos nas tres universidades galegas. Dirixiu numerosas teses de doutoramento e publicou un número elevado de traballos de investigación en revistas de prestixio internacional.

Ríos Fernández traduciu do inglés un texto de referencia en Química Física. Foi Coordinador do Cou 1970, que con carácter experimental se celebrou nas cidades de Santiago, Ourense e Lugo, organizado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE); director do Centro de Cálculo Pedro Barrié de la Maza da Universidade; secretario da Facultade de Ciencias; xefe da División de Investigación do ICE; vicesecretario Xeral; secretario Xeral; vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado e candidato a reitor; director do Departamento de Química Física; secretario Xeral de I+D da Xunta de Galicia; autor dos dous primeiros Plans Galegos de I+D; presidente do Consello de Administración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); presidente do Consello Asesor para a Innovación en Galicia; e presidente da RAGC. Foi Premio Extraordinario de Licenciatura e Doutoramento e está en posesión da Insignia de Ouro da USC.