Historia
Creación e constitución
A Real Academia Galega de Ciencias ten a súa orixe nunha iniciativa promovida na década de 1970 por un grupo de científicos e intelectuais galegos que consideraron necesaria a creación dunha institución dedicada especificamente á promoción da ciencia, da tecnoloxía e da cultura científica en Galicia. O 26 de xaneiro de 1973, Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal, Luis Iglesias Iglesias, Domingo García-Sabell, Antonio Fraguas e Eugenio Torre Enciso asinaron a solicitude de creación dunha academia de ciencias para Galicia.
A Academia foi creada polo Real Decreto 1218/1977, do 23 de abril, coa denominación inicial de Academia de Ciencias Gallega. Constituírase en xullo de 1978 cos seis promotores e dezaseis académicos fundadores propostos polas facultades de Ciencias, Farmacia e Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, así como pola delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas en Galicia.
O 18 de decembro de 1978 foi elixido o primeiro equipo de goberno definitivo, presidido por Enrique Vidal Abascal, con Ernesto Viéitez Cortizo como vicepresidente, Juan Quintás Seoane como tesoureiro, Antonio Fraguas como bibliotecario e Jaime García-Lombardero como secretario. Isidro Parga Pondal foi nomeado presidente de honra.
Académicos Fundadores
Facultade de Ciencias
Ignacio Ribas Marqués
Francisco Bermejo Martínez
Eduardo García-Rodeja Fernández
Ernesto Vieitez Cortizo
Facultade de Farmacia
Jaime González Carreró
Benito Regueiro Varela
Pablo Sanz Pedrero
Mª del Pilar Fernández Otero
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
José Manuel Beiras Torrado
Jaime García-Lombardero y Viñas
Juán Ramón Quintás Seoane
Luis Suárez-Llanos Gómez
Delegación do C.S.I.C.
Aniceto Charro Árias
Francisco Guitián Ojea
Justo Rodríguez Martínez
Jesús Méndez Sánchez
Presidencia de Enrique Vidal Abascal (1978-1982)
D. Enrique Vidal Abascal
Enrique Vidal Abascal foi o primeiro presidente da Academia. Durante esta etapa inicial constituíronse as seccións, deseñouse a medalla institucional e impulsáronse as primeiras actividades científicas e divulgativas. Tamén se solicitou a modificación do regulamento para cambiar a denominación da entidade e iniciouse o procedemento para obter a condición de Real.
Nestes primeiros anos, a Academia tivo a súa sede en dependencias cedidas polo Instituto Padre Sarmiento. A súa actividade sostívose mediante subvencións e apoios para iniciativas concretas. Entre as primeiras actuacións destacaron cursos, conferencias, publicacións científicas e convenios coa Fundación Barrié de la Maza para proxectos editoriais. En 1982 apareceu o primeiro volume do Boletín da Academia Galega de Ciencias.
Presidencia de Ernesto Viéitez Cortizo (1982-2013)
D. Ernesto Viéitez Cortizo
Ernesto Viéitez Cortizo foi elixido presidente o 9 de decembro de 1982 e permaneceu no cargo ata o seu falecemento, o 21 de setembro de 2013. Durante a súa presidencia producíronse varios cambios institucionais relevantes. O Real Decreto 2629/1983 modificou a denominación da institución, que pasou a chamarse Academia Galega de Ciencias. O 14 de xaneiro de 1994, a Casa Real concedeulle o título de Real, adoptando desde entón a denominación de Real Academia Galega de Ciencias.
En 2003, no marco do traspaso de competencias do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, a RAGC foi transferida á Xunta de Galicia e quedou adscrita á administración autonómica. En canto á súa sede, a institución permaneceu inicialmente no Instituto Padre Sarmiento e no ano 2000 trasladouse ao Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.
Durante esta etapa consolidáronse algunhas das actividades máis duradeiras da Academia. En 1990 convocáronse por primeira vez os premios de investigación da institución. En 1989 iniciouse o ciclo que posteriormente recibiría o nome de Ciclo Luis Asorey, patrocinado pola Deputación de Lugo, e en 1997 comezou o ciclo Avances en Ciencia e Tecnoloxía, co apoio da Deputación da Coruña.
En 2008 a Academia instituíu o Día do Científico Galego, concibido para homenaxear figuras destacadas da ciencia galega ou vinculadas a Galicia e difundir o seu legado entre a sociedade. Este programa sería posteriormente reformulado como Día da Ciencia en Galicia.
Presidencia de Miguel Ángel Ríos Fernández (2013-2019)
D. Miguel Ángel Ríos Fernández
Miguel Ángel Ríos Fernández, que ata entón exercía como vicepresidente, foi elixido presidente o 21 de novembro de 2013. Permaneceu no cargo ata 2019.
Durante a súa presidencia consolidouse notablemente a RAGC e impulsouse unha renovación institucional. A Academia elaborou os seus novos estatutos, aprobados en 2015, actualizou a súa páxina web e iniciou a súa presenza nas redes sociais. Tamén ampliou o número de académicos numerarios, incorporando investigadores procedentes das universidades galegas e do CSIC.
Nesta etapa consolidouse, ademais, a vinculación formal da RAGC coa Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), organismo ao que quedou adscrita. Esta vinculación permitiu que a Academia contase por primeira vez cunha asignación orzamentaria estable nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o que facilitou un impulso considerable da súa actividade institucional, científica e divulgativa.
En 2014 a RAGC trasladouse provisionalmente a dependencias da Axencia Galega de Innovación en Área Central e, en 2016, asinou un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela que permitiu instalar a súa sede na Facultade de Química, no Campus Vida.
Unha das principais iniciativas desta etapa foi a transformación do Día do Científico Galego en Día da Ciencia en Galicia, fixado o 8 de outubro, data de nacemento de Benito Jerónimo Feijóo. A celebración reforzouse mediante unidades didácticas, exposicións itinerantes sobre os científicos homenaxeados e a creación do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal en Santiago de Compostela.
No ámbito dos premios, creáronse os Premios á Transferencia de Tecnoloxía e o Premio de Xornalismo Científico, patrocinados por GAIN; e os premios de investigación da Academia pasaron a denominarse Premios Ernesto Viéitez Cortizo, en memoria do anterior presidente.
Presidencia de Juan Manuel Lema Rodicio, desde 2019
Membros da Comisión Executiva durante o período 2019-2022
Juan Manuel Lema Rodicio foi elixido presidente da Real Academia Galega de Ciencias o 23 de xaneiro de 2019. A súa elección abriu unha etapa orientada a reforzar o papel da Academia como institución de referencia na promoción da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, ampliar a súa presenza social e achegar a ciencia á cidadanía.
No primeiro mandato, correspondente ao período 2019-2022, a Comisión Executiva da RAGC estivo integrada por Juan Manuel Lema Rodicio como presidente, Alicia Estévez Toranzo como vicepresidenta, Pilar Bermejo Barrera como secretaria, Antón Álvarez Sousa como tesoureiro e Fernando Pérez González como responsable de publicacións e relacións sociais.
No segundo mandato, correspondente ao período 2022-2026, Minia Manteiga Outeiro incorporouse como secretaria e José Ramón Cancelo de la Torre como tesoureiro, cargo no que posteriormente foi substituído por Manuel Freire Rama.
Unha das primeiras accións do novo equipo foi definir a misión institucional da Academia e elaborar un plan estratéxico para o período 2019-2021. O plan estruturouse en tres eixes, seis obxectivos e 67 accións, co propósito de orientar a actividade da RAGC, crear opinión desde a independencia e achegar a ciencia á sociedade galega.
Durante esta etapa ampliouse o contacto da Academia coa sociedade, entendida en sentido amplo: institucións públicas, universidades, empresas, comunidade científica, medios de comunicación e cidadanía. Tamén se formulou o obxectivo de estender progresivamente a actividade da RAGC a distintas cidades e vilas de Galicia, co fin de aumentar a súa presenza territorial e achegar os seus programas a públicos máis diversos.
Reforzouse o Día da Ciencia en Galicia, que adquiriu maior proxección institucional mediante a súa celebración en espazos de especial relevancia académica e cultural, como o Pazo de Fonseca e o Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. Nestes actos mantívose a homenaxe anual ao Científico ou Científica Galega do Ano e incorporouse a entrega das Medallas de Investigación da RAGC, concentrando nunha mesma celebración o recoñecemento tanto a figuras históricas da ciencia galega como a investigadores e investigadoras en activo.
Entre as novas accións emprendidas destacan as Medallas de Investigación da RAGC, creadas para recoñecer publicamente traxectorias salientables na ciencia e na tecnoloxía galegas. Estas medallas recoñecen científicos e científicas en activo, cunha actividade consolidada e desenvolvida maioritariamente en Galicia. A súa concesión tivo unha ampla presenza nos medios de comunicación galegos.
Os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC tomaron o relevo dos anteriores Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, convocados entre 1990 e 2023, cunha formulación máis ampla. A nova convocatoria recoñece traballos de investigación de alto nivel desenvolvidos en Galicia en tres grandes áreas: Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais, cunha dotación de 5.000 euros por premio.
Nesta mesma liña inscríbense os Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos, promovidos xunto coa Universidade Intercontinental da Empresa. Estes galardóns, de periodicidade bienal, recoñecen traxectorias científicas emerxentes en Galicia nas ramas de Ciencias Básicas, Ciencias Sociais e Ciencias Técnicas, cunha dotación de 5.000 euros por premio.
A etapa iniciada en 2019 incorporou así mesmo novas actividades de debate e divulgación, como Os Martes da Academia, e reforzou a comunicación pública da institución e a súa relación cos medios, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade.
Nesta etapa tamén se reforzou o programa Avances en Ciencia e Tecnoloxía, desenvolvido en colaboración coa Deputación da Coruña, cunha formulación máis ambiciosa e con actividades en Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol.
En 2026 a Academia creou a súa Medalla de Ouro, definida como a máxima distinción da institución, para recoñecer o apoio de persoas e entidades ao desenvolvemento da ciencia en Galicia. A primeira Medalla de Ouro foi concedida á Fundación Barrié, en recoñecemento ao seu apoio ao avance científico. A distinción foi entregada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.