A Real Academia Galega de Ciencias celebrou hoxe un coloquio na “Noite Europea das Investigadoras e Investigadores 2021”

Abordáronse cuestións como a singularidade do desenvolvemento profesional das mulleres científicas, así como os retos asociados á xestión e difusión da ciencia e ao emprendemento

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe o coloquio debate “Sorrisos e bágoas, ou pensabas que investigar era distinto? A realidade humana detrás da ciencia” con motivo da “Noite Europea das Investigadoras e Investigadores 2021”, na Aula Magna da Facultade de Química da Universidade de Santiago (USC). Ademais de poder asistir de forma presencial, o coloquio emitiuse pola plataforma Zoom onde os participantes interactuaron en liña cos investigadores invitados (ENLACE).

O evento, presentado por Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencias da Computación da USC e académico da RAGC, estivo moderado polo catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez, e contou coa participación do doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento da Universidade da Coruña (UDC), Francisco Rey Vizoso; a directora da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, María de la Fuente Freire; a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, directora do grupo NANOBIOFAR do CiMUS e académica da RAGC, María José Alonso Fernández; e o catedrático Emérito de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo (UVigo) e académico da RAGC, Pedro Merino Gómez. Estas catro investigadoras e investigadores, en diferentes fases da súa vida, deron o seu testemuño en primeira persoa a todos os estudantes universitarios, investigadores e outros profesionais participantes no encontro. Falaron de competitividade, saúde mental, problemas de conciliación, en definitiva da inestabilidade laboral no eido da investigación.

Jorge Mira explicou que na ciencia o horizonte de estabilización profesional chega cada vez máis tarde, “en moitos casos entre os 40 e os 50 anos, e iso tras pasar media vida baixo avaliacións en competición constante con xente moi brillante”, unha casuística particular que na súa opinión ten un alto custo a nivel persoal.

Conciliación e contratos temporais

O doutorando Francisco Rey é sociólogo e investigador do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC, así como investigador junior e Project manager do proxecto europeo ENTRANCES. Desde Galicia, e concretamente desde este grupo de investigación (dirixido polo catedrático de Psicoloxía Social da UDC, Ricardo García Mira), a experiencia internacional dos proxectos europeos nos que traballan inflúe nas primeiras fases da etapa predoutoral de Vizoso, que segundo explica, viuse favorecida pola oportunidade de participar das sinerxías con outros grupos de investigación europeos que participan no consorcio de investigación ENTRANCES do que forman parte e onde desenvolven un claro liderado no ámbito da psicoloxía ambiental.

Segundo relatou, a súa experiencia no proxecto ENTRANCES pode permitir aos estudantes con interese no ámbito da transición enerxética e a mudanza climática achegarse a unha visión e experiencias claramente internacionais, “nas que teño a oportunidade de participar nesta primeira etapa coma investigador contándolles aquelo que pode ser do seu interese e falando das dúas caras da investigación, desde un punto de vista persoal e desde a perspectiva do que é a aportación de Galicia á investigación europea”.

A investigadora María de la Fuente manifesta que, desde o seu punto de vista, o principal problema no desenvolvemento profesional da carreira investigadora é a falta de estabilidade laboral, que vai irremediablemente unida a outras cuestións como son a hipercompetitividade, que impacta na dificultade para conciliar e en que os permisos de maternidade, por exemplo, prexudiquen o desenvolvemento profesional das mulleres. “A precariedade na carreira científica vén da man de contratos temporais e da falta de proxección, a pesar de que a investigación require planificación a longo prazo e é unha profesión cunha alta esixencia” –apunta–. Aínda con todo, María de la Fuente alberga esperanza porque, en materia de xénero,  recentemente aprobouse a Lei Ánxeles Alvariño, e cada vez existe maior presión por parte do colectivo de cara a que se defina a carreira científica e se valore a todo o persoal investigador. “As taxas de abandono veríanse rebaixadas coa mellora da estabilidade laboral” –sinala–.

María de la Fuente explica que é preciso recuperar o investimento na formación e retención dos profesionais investigadores en Galicia, e atraer talento, con consecuencias positivas e directas na sociedade. No seu caso, a directora da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago considérase afortunada xa que conseguiu superar distintas barreiras e establecerse e desenvolver a súa profesión con dignidade. Co seu equipo investigador, anuncia que en outubro poñerán en marcha unha spin-off e desenvolverán outros proxectos europeos.

Maior concienciación social sobre a necesidade da ciencia

María José Alonso presentou a súa visión persoal sobre os retos aso que se enfrontan os investigadores, desde un punto de vista humano e cun foco preferente cara as mozas e mozos investigadores. Abordou temas como a singularidade do desenvolvemento profesional das mulleres científicas, así como os retos asociados á xestión e difusión da ciencia e ao emprendemento.

Pedro Merino transmitiulle aos asistentes unha serie de medidas froito da súa experiencia, primeiro como enxeñeiro de materiais cando tivo a ocasión de participar no ambicioso programa nacional de construción en España das primeiras centrais nucleares como fonte de xeración de enerxía eléctrica, un reto tecnolóxico sen precedentes ata aquel momento; despois, como profesor e investigador, primeiro da USC e despois na UVigo, formando parte durante máis de 35 anos do primeiro grupo de investigación da Escola de Enxeñeiros Industriais de Vigo, ENCOMAT (Enxeñería de Corrosión e Materiais); e tamén como xestor de investigación, que comezou como vicerreitor de Desenvolvemento e Transferencia de Ciencia e Tecnoloxía da UVigo e continuou como director xeral de I+D da Xunta de Galicia.

Merino sinalou que os novos investigadores ou aqueles que teñan pensado iniciar a súa carreira investigadora deben saber que a investigación é “apaixonante pero non doada”, xa que os froitos acádanse, a maioría das veces, despois de moita dedicación e duro traballo. “A carreira investigadora é moi longa e tal como di o lema deste encontro, nela van encontrar, como no resto das profesións, sorrisos e lágrimas, porque se ben a sociedade está hoxe máis concienciada sobre a necesidade da ciencia, aínda queda un longo camiño por percorrer. O cambio dos hábitos sociais é especialmente lento” –asegurou–.

Na súa reflexión, indicou que ademais é necesario practicar outras virtudes como aprender a traballar en equipo, ter flexibilidade para ir adaptando ás liñas de investigación ás novas demandas da sociedade e aos novos medios tecnolóxicos dispoñibles, e estar moi atento aos cambios que depararán os novos tempos. 

Share This