O director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan, impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se poderá seguir en streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran mañá xoves, 18 de novembro, a cuarta conferencia do XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea  e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase ata o 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e de forma telemática a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas.

O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.

A charla de mañá tratará sobre “Dixitalización e descarbonización da xestión forestal en Galicia” e estará impartida por José Luis Chan Rodríguez, enxeñeiro de Montes e director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Nunha sociedade europea en vías de descarbonización, Chan sinala que o potencial de ecomateriais substitutivos baseados en madeira, en sectores tales como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado son un futuro irrenunciable nunha era postcovid baseada no principio “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Build back better” BBB).

Chan explica que as tecnoloxías dixitais, o custo decrecente do almacenamento e uso masivo de servizos web (SW) están a introducir rapidamente unha nova forma de relacionarse coas administracións públicas. Destaca que as tecnoloxías dixitais que aceleran o despregamento de políticas de descarbonización, a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática pasaron rapidamente de ser tendencias emerxentes a partes integrais dos sistemas de boa gobernanza.

O director Xeral subliña que a análise indica que unha poderosa combinación de demanda dos consumidores, obxectivos de sustentabilidade e un desexo de reducir custos e asegurar a subministración de ecomateriais substitutivos baseados en recursos forestais (menor pegada de carbono), está a empuxar ás compañías a tecnificarse para poder ser competitivas e incorporar valor engadido aos seus produtos transformados. “Un dos principais impactos observados é o dos investidores, así como os lexisladores, os consumidores e a sociedade en xeral, todos os cales esixen que as empresas se centren no uso de materiais renovables con baixa pegada de carbono nas súas cadeas produtivas e que incentiven a mobilización de recursos endóxenos (políticas de proximidade ou “quilómetro 0”)” –argumenta–.

A administración forestal non é allea a este tipo de políticas, e Chan apunta que desde a Dirección Xeral estase a desenvolver unha estratexia de “Dixitalización & Descarbonización” (D&D) para o sector forestal de Galicia dirixida basicamente aos procedementos administrativos específicos, a estatística forestal, a procesos tecnolóxicos e, por último, a dixitalización do Sistema Rexistral Forestal Galego, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. 

José Luis Chan, naceu no ano 1963 no Carballiño (Ourense) e é un enxeñeiro de Montes que traballa no servizo de Montes da Administración galega desde 1987. Desde 2005 ao 2014 exerceu coma subdirector Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Montes. Actualmente, desde decembro do 2018 ocupa o posto de director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na Consellería de Medio Rural.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

Share This