Trátase dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, de Xornalismo Científico e de Divulgación Científica 2022, convocados en colaboración coa Xunta

Os gañadores salientaron que estes galardóns son un impulso para seguir a traballar polo desenvolvemento da ciencia na nosa comunidade

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no Pazo de San Roque de Santiago o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022; convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia.

O evento, presidido pola vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez, contou coa asistencia da directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación (Gain), María José Mariño; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Política Científica da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri; e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; entre outras autoridades e académicos da RAGC.

Miguel Reboiro: “Este premio axudaranos a seguir con máis folgos neste proxecto”

Os Premios á Transferencia de Teconoloxía en Galicia comprenden tres categorías, premiadas con 6.000 euros cada unha. O premio “Francisco Guitián Ojea” a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto “PolyDeep: Sistema inteligente de detección y clasificación en tiempo real de lesiones colorrectales mediante Deep Learning”. Foi realizado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo (Campus de Ourense),  liderados por Miguel Reboiro e Daniel González, en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Recolleu o premio o investigador Miguel Reboiro, quen agradeceu á Academia este galardón, asegurando que “nos axudará a continuar con máis folgos neste proxecto”. O equipo baseouse na Intelixencia Artificial para desenvolver un sistema de apoio que busca mellorar a detección e diagnóstico de pólipos colorrectais en tempo real durante as colonoscopias, redundando non só na mellora do diagnóstico e tratamento do paciente, senón no potencial aforro de custos en forma de reseccións ou biopsias innecesarias. Permite ademais a clasificación automática dos pólipos colorrectais.

Eddy Sotelo: “Es una satisfacción enorme que nuestros resultados puedan traspasar el laboratorio y llegar a empresas biotecnológicas y farmacéuticas”

O premio “Fernando Calvet Prats” a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o proxecto “Ligandos fluorescentes como alternativa al uso de la radioactividad en la industria farmacéutica” do grupo de Descubrimento e Síntese de Fármacos do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago; integrado por Eddy Sotelo, Javier Sardina, Mabel Loza e José Brea, impulsores da empresa Celtarys Research. A firma explota unha novidosa tecnoloxía ideada polo equipo para o desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para a industria farmacéutica, como alternativa ao uso da radioactividade nas fases temperás de descubrimento de fármacos, reducindo os tempos, os custos e o impacto ambiental.

Asistiu ao acto a recoller a distinción o investigador Eddy Sotelo. “Es una satisfacción enorme que nuestros resultados científicos puedan traspasar el laboratorio y llegar a otras universidades, empresas biotecnológicas y farmacéuticas en forma de productos de alto valor añadido, promoviendo el uso de métodos respetuosos con el medio ambiente y contribuyendo a acelerar el descubrimiento de fármacos” -destacou-.

Unha tecnoloxía para reducir os experimentos con animais no proceso de descubrimento de fármacos

O premio “Ricardo Bescansa Martínez” a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off  BFlow S.L. -https://b-flow.es-. Nace en maio de 2020 froito da colaboración entre grupos de investigación das facultades de Óptica e Física da Universidade de Santiago e a Fundación de Investigacións Sanitarias de Santiago (FIDIS) para optimizar o proceso de descubrimento de moléculas e fármacos grazas á aplicación da tecnoloxía microfluídica máis avanzada. Ofrece solucións a medida de maneira rápida e cun custo reducido en comparación con outras técnicas.

Por parte de Bflow recolleu o premio María Seoane, conselleira delegada da empresa, quen deu as grazas en nome de todo o equipo. Explicou que buscan imitar os órganos humanos no laboratorio, incrementando a taxa de éxito e reducindo custos e experimentación animal.

Teresa Abuín: “Nestes anos descubrín a dimensión da ciencia que se fai en Galicia”

Tamén se entregou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que na súa sétima edición foi para a reportaxe “Costa inundable”, da xornalista Teresa Abuín Tubío (Rianxo, 1970), emitida no programa Vivir Aquí da CRTVG e centrada na subida do nivel do mar en Galicia. O xurado destacou deste traballo “a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar”. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros.

Na súa intervención, Teresa Abuín salientou que “este premio vén recoñecer o traballo de todos os que nos esforzamos por facer o xornalismo no que cremos, que comparte coa ciencia a ollada curiosa, crítica e reflexiva, que tenta afondar nos feitos para tratar de entender un pouco máis a complexidade do mundo”. E puxo de relevo que nestes anos tivo a oportunidade de descubrir “a dimensión da ciencia que se fai en Galicia”.

Mar Álvarez: “A gran responsabilidade do xornalismo é axudar a concienciar á xente sobre problemáticas que afectan a toda a poboación”

Ademais, o xurado outorgou un accésit deste premio ao segundo traballo mellor valorado,

a reportaxe titulada “A ameaza de macrogranxas na Limia”, de Mar Álvarez Rama (Santiago de Compostela,1999), publicada no xornal Nós Diario. O xurado valorou que “é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galicia, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo”. A galardoada recibiu unha dotación de 1.000 euros.

Na súa intervención, a xornalista afirmou que “reportaxes coma esta son un exemplo do poder que ten o xornalismo de poñer o foco nunha realidade existente que non sempre semella visible. Esa é a gran responsabilidade do xornalismo: axudar a concienciar á xente sobre problemáticas que afectan a toda a poboación”.

Manuel Casalderrey: “He aprendido mucho con mi tarea de divulgación científica”

Finalmente, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 foi para o químico Manuel Luis Casalderrey García (A Coruña, 1941). A Academia recoñece con esta concesión a súa “ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia, particularmente a publicación regular desde o ano 1989 no xornal La Voz de Galicia de artigos de divulgación científica sobre temas de candente actualidade e ámbito moi diverso”. A súa traxectoria no ámbito da divulgación inclúe máis dunha ducia de libros de temática diversa, na súa maioría relacionados coa Química na vida cotiá.

Casalderrey salientou que “además de la importancia que el premio tiene en sí mismo, por la Institución que lo otorga, es el mejor de todos con los que me han premiado. Realmente he aprendido mucho con mi tarea de divulgación científica y espero que mis lectores hayan aprendido también. El divulgador se enriquece intelectualmente y aprende, cada día, para servir de intermediario entre los científicos e investigadores que hacen la ciencia y el público en general, tratando de incrementar la cultura científica de las personas”.

No peche do acto, Alicia Estévez felicitou aos premiados e puxo de manifesto que “a RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e benestar social dun país, polo que comunicar os achados e as súas aplicacións á sociedade é una prioridade. Para acadar este obxectivo os científicos e os medios de comunicación poden e deben contribuír dun xeito decisivo”.

Share This