Investigadores das universidades galegas achegaranlles a importancia do ADN nun crime, o valor da auga residual, a presenza das Matemáticas na nosa vida cotiá, a relevancia dos hackers e tamén das microalgas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra inician a vindeira semana o segundo bloque do III Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, dirixido a alumnado de Secundaria e Bacharelato. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia e fomentar as vocacións científicas entre a poboación máis nova, así como concienciala de que os rapaces e as rapazas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan.

Esta iniciativa está coordinada pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo. Celebraranse cinco conferencias en institutos de Caldas de Reis, Lalín, Baiona, Cangas,  e Vigo. Impartiranas investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, que ofrecerán ao estudantado temáticas atractivas do seu interese.  

Alumnado de ESO, Bacharelato e FP

A primeira charla celebrarase o 17 de novembro no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, dirixida a alumnado de 2º de Bacharelato Científico do centro. O relatorio versará sobre a transcendencia das Matemáticas na sociedade actual, destacando a súa presenza en boa parte do que nos rodea na nosa vida cotiá. Abordará este tema Mª Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemática da USC e vicepresidenta da Real Sociedad Matemática Española.

O 18 de novembro no IES Laxeiro de Lalín un grupo de alumnas e alumnos de 1º e 2º de Bacharelato de Ciencia e Tecnoloxía serán os destinatarios dunha nova conferencia. Nesta ocasión Mª Teresa Moreira Vilar, catedrática de Enxeñaría Química do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago, afondará en como a auga residual se converte nun recurso de gran valor.

A ciberseguridade e a importancia dos piratas informáticos centrará a conferencia do 25 de novembro no IES Primeiro de Marzo de Baiona. Participarán varios grupos de 4º da ESO e Bacharelato do centro. O encargado de impartila será Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo.

A seguinte charla versará sobre as microalgas, organismos moi descoñecidos polo conxunto da poboación pero cun grande interese para o funcionamento do noso planeta. Celebrarase o 30 de novembro no IES Monte Carrasco de Cangas, coa participación de alumnado de 3º da ESO. A experta que abordará este tema será Ángeles Cid Blanco, catedrática de Microbioloxía do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da facultade de Ciencias da Universidade da Coruña.

A derradeira conferencia deste ciclo será o 13 de decembro no CPR Aloya de Vigo para alumnado dos FP da rama sanitaria do centro. Terán a oportunidade de coñecer todo o que o ADN nos conta en relación a un feito criminal. Ofrecerá este relatorio Mª Victoria Lareu Huidobro, catedrática de Medicina Legal e Forense e directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago.

Share This