Francisco Rey Vizoso, María de la Fuente, María José Alonso e Pedro Merino falarán de competitividade, saúde mental, problemas de conciliación, en definitiva da inestabilidade laboral, coa presentación de Senén Barro e moderado por Jorge Mira

Celebrarase o vindeiro venres 24, ás 19 horas na Aula Magna da Facultade de Química da Universidade de Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza un coloquio-debate con motivo da “Noite Europea das Investigadoras e Investigadores 2021”, que terá lugar o vindeiro venres, 24 de setembro. Baixo o título “Sorrisos e bágoas, ou pensabas que investigar era distinto? A realidade humana detrás da ciencia”, a RAGB celebrará esta xornada ás 19 horas na Aula Magna da Facultade de Química da Universidade de Santiago (USC). Ademais de poder asistir de forma presencial, o coloquio emitirase pola plataforma Zoom onde os participantes poderán interactuar en liña cos investigadores invitados (ENLACE).

A competitividade e o alto nivel de esixencia son cuestións ás que as investigadoras e investigadores deben facer fronte e que mesmo poden chegar a afectar á súa saúde mental, sobre todo en investigadores mozos. Igual sucede coa alta demanda de tempo que pode causar problemas de conciliación, necesitando de moitos anos para acadar unha estabilidade laboral, difícil de alcanzar incluso para as persoas consolidadas. Para tratar estes e outros temas que pretende explorar a realidade humana detrás da ciencia, este foro contará con catro investigadoras e investigadores, en diferentes fases da súa vida, que darán a súa testemuña en primeira persoa a todos os estudantes universitarios, investigadores e outros profesionais participantes.

O evento, presentado por Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencias da Computación da USC e académico da RAGC, estará moderado polo catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira Pérez, e contará coa participación do doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento da Universidade da Coruña (UDC), Francisco Rey Vizoso; a directora da Unidade de Nano-Oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, María de la Fuente Freire; a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, directora do grupo NANOBIOFAR do CiMUS e académica da RAGC, María José Alonso Fernández; e o catedrático Emérito de Ciencia de Materiais e Enxeñaría Metalúrxica da Universidade de Vigo (UVigo) e académico da RAGC, Pedro Merino Gómez.

Share This