Isabel Medina, profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas e académica: “A evidencia científica demostra que o consumo de peixe e produtos do mar é un elemento esencial nas dietas que axudan a mellorar a saúde e previr enfermidades dun xeito personalizado”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebran  mañá venres, 10 de decembro, unha nova conferencia para fomentar vocacións científicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Será ás 11:35 horas no IES Monte da Vila do Grove. Esta charla forma parte do segundo bloque do II Ciclo de Conferencias “Aida Fernández Ríos”, coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.

Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por mulleres das tres universidades galegas, que ofrecerán ao alumnado temáticas atractivas sobre as bacterias comeplásticos, a revolución alimentaria e a intelixencia artificial, entre outros.

“Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos” é o título da conferencia que impartirá a profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), coordinadora Nacional da Área de Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos do CSIC e académica numeraria da RAGC, Isabel Medina Méndez. O alumnado que asistirá á charla serán 16 estudantes de 2º de Bacharelato de Promoción de Estilos de Vida Saudables, aínda que tamén estan invitados estudantes da mesma materia de 1º de Bacharelato.

A historia da humanidade está unida á historia dos alimentos. Medina explica que as eleccións alimentarias, xunto cos cambios climáticos, provocaron importantes variacións –a nivel anatómico e fisiolóxico–no organismo dos seres humanos. En concreto, destaca que a abundancia de peixe e algas nas zonas costeiras axudou ao desenvolvemento da capacidade cerebral nos homínidos, grazas aos seus ácidos graxos omega-3, compoñentes do cerebro e fundamentais para a saúde humana, xa que “o peixe forma parte da nosa gastronomía e cultura”.

Isabel Medina sinala que nas sociedades modernas, con moitos recursos para obter alimentos con pouco esforzo, a prevalencia de malos hábitos de consumo asóciase a unha alta incidencia de enfermidades metabólicas como a diabetes e a obesidade, e enfermidades cardiovasculares que son unha das causas fundamentais da mortalidade actual. “A evidencia científica demostra que o consumo de peixe e produtos do mar é un elemento esencial nas dietas que axudan a mellorar a saúde e previr enfermidades dun xeito personalizado” –indica–.

Share This