Ángel Carracedo, Académico Numerario da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da Real Academia Galega de Ciencias, ingresou no claustro de doutores honoris causa da Universidade de Cantabria (UC).

No seu discurso de aceptación, o profesor Carracedo referiuse ao seu campo de actividade, a xenómica, que “está a permitir a identificación de novas dianas terapéuticas, a estratificación dos pacientes para que os medicamentos sexan máis eficaces a través de terapias personalizadas e a aceleración do proceso de investigación preclínica”. Indicou que “neste momento está a interesarme especialmente a xenética de enfermidades psiquiátricas. O seu compoñente xenético é elevadísimo, moito máis que ningún cancro, pero coñecémolo moi pouco”.

Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. A UC decidiu outorgarlle o doutoramento honoris causa pola súa “destacadísima traxectoria docente, de investigación e de innovación e transferencia” en diversos campos relacionados coa Xenética Humana, así como pola súa vinculación coa Universidade de Cantabria.

Share This