O catedrático en Medicina Legal da Universidade de Santiago e académico da RAGC Ángel Carracedo gaña o Premio Otero Pedrayo 2022. É a primeira vez que se lle outorga este galardón a unha traxectoria centrada na investigación médica e científica.

Recoñécese así “unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade”. Nesta edición tívose en conta o importante papel da investigación científica e médica despois dos dous anos de pandemia en que os avances da ciencia foron fundamentais para poñer freo a unha situación de crise sanitaria. Neste eido, o profesor Ángel Carracedo é unha figura científica moi relevante, cunha traxectoria que está a ser unha referencia na historia da investigación galega.

Unha traxectoria impecable

Ángel Carracedo converteuse nun dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. As súas investigacións céntranse na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras ou a farmacoxenómica, ámbitos con especial repercusión na vida e na saúde das persoas.

As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción científica do seu campoo. Desde o ano 1994 é director do Instituto de Medicina Legal da USC.

Entre outros cargos e títulos, Ángel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics.

O Premio Galicia de Investigación, o Premio Nóvoa Santos, a Medalla Galien -o máis importante galardón en investigación farmacolóxica-, o Premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos á súa extraordinaria traxectoria profesional.

Share This