Antonio Rigueiro Rodríguez, académico numerario da RAGC na sección de Ciencias Técnicas e catedrático de Produción Vexetal da USC, vén de recibir a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela, a máxima distinción que outorga a institución académica.

O acto, que se celebrou na Casa do Saber de Lugo, estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, quen salientou “os méritos que atesoura Antonio Rigueiro desde a súa incorporación á USC en 1987”, na súa faceta de investigador e tamén como divulgador científico.

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, referiuse a Rigueiro como “un dos académicos máis veteranos, incorporado á RAGC desde 2002, e tamén dos máis queridos. É unha persoa moi colaboradora e entusiasta, como director do ciclo Luis Asorey da Academia e moi comprometido con todas as iniciativas da RAGC; neste ano dedicado a Rof Codina será o coordinador do libro homenaxe ao impulsor da veterinaria en Galicia e de todas as actividades que se celebren na cidade de Lugo en honor a Rof Codina. É o experto en temas agroforestais e o profesional de referencia da Academia na área de Lugo”. Lema destacou ademais que Rigueiro é “unha persoa de consenso, con moita capacidade de atopar solucións e sempre na procura de acordos”.

Antonio Rigueiro é especialista en sistemas agroforestais, sistemas silvopastorais, botánica forestal, micoloxía, árbores senlleiras e malherboloxía en sistemas agrícolas e monumentos. Foi subdirector xeral de Universidades e Investigación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, subdirector e director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da USC, director da Escola Politécnica Superior da USC, director do Departamento de Produción Vexetal da USC e na actualidade dirixe a Estación Científica do Courel da Universidade de Santiago. 

Share This