Reunirá a expertos en enerxías limpas, investigadores, empresas do sector e representantes da Administración do eido galego e nacional

Celebrarase de xeito presencial entre o 27 e o 30 de xuño en Santiago, Ferrol e A Coruña, e tamén por streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira un ciclo de conferencias centrado nos “Retos tecnolóxicos na produción e almacenamento de enerxías renovables”. Conta ademais co apoio do Campus Industrial da Universidade da Coruña, da Autoridade Portuaria da Coruña e do Instituto Enerxético de Galicia. As charlas terán lugar en formato semipresencial, do 27 ao 30 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas.

O ciclo está coordinado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema. Explica que o seu obxectivo é “revisar o estado actual e os retos pendentes nas diferentes tecnoloxías para a produción e almacenamento de enerxías renovables como a eólica, eólica mariña, mareomotriz, biomasa, gases renovables como o biohidróxeno e o biometano e a solar. Servirá así mesmo de punto de conexión e debate entre expertos de diferentes áreas con coñecementos sobre temas enerxéticos en campos diversos”.

O presidente da RAGC sinala que o curso estará impartido por recoñecidos especialistas que explicarán, a nivel do gran público pero tamén para os técnicos do sector, “os avances, os retos e as posibilidades a curto e medio prazo destas tecnoloxías como alternativas reais en Galicia”. Ademais das conferencias, celebraranse debates cos asistentes, ao tempo que se presentarán varios proxectos industriais.

O ciclo arranca en Santiago, onde se abordarán as estratexias enerxéticas, a enerxía solar fotovoltaica, a biomasa e o almacenamento enerxético

Estas charlas reunirán a expertos en enerxías limpas, investigadores, empresas do sector e representantes da Administración; tanto do ámbito galego como nacional. A primeira sesión celebrarase o 27 de xuño en Santiago, no Pazo de San Roque e centrarase nas “Estratexias enerxéticas”. Á presentación asistirán o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o presidente da RAGC, Juan Lema. A xornada comezará coa intervención de Miriam Bueno, subdirectora general de Prospectiva, Estrategia y Normativa en Materia de Energía do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que abordará a estratexia española de enerxías renovables. De seguido, a secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia, Paula Uría, centrarase na estratexia galega neste eido. Por último, o director do departamento de Enerxía do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Juan Ignacio Rodríguez, explicará o estado actual das enerxías renovables na nosa comunidade.

A segunda xornada celebrarase o día 28, tamén no Pazo de San Roque, en Santiago. A sesión xirará en torno á enerxía solar fotovoltaica, a enerxía da biomasa e o almacenamento enerxético. Antonio García Loureiro, catedrático do Departamento de Electrónica e Computación da Universidade de Santiago,abordará os retos tecnolóxicos na produción de enerxía solar fotovoltaica. Mauro Coucheiro, director de operacións de Greenalia Forest, centrarase na enerxía da biomasa. E Juan Andrés Marín, enxeñeiro de Minas e responsable do Departamento de I+D+i da Ciudad de la Energía (Ciuden), con sede en León, fará un percorrido polas alternativas que existen na actualidade para o almacenamento da enerxía.

A xornada de Ferrol centrarase na enerxía eólica e nas enerxías do mar

O mércores 29 as sesións terán lugar en Ferrol, no salón de actos do campus de Ferrol, baixo a temática da “Enerxía eólica. Enerxías do mar”. Camilo Carrillo, profesor titular de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Vigo, incidirá na evolución tecnolóxica dos aeroxeradores e a súa integración na rede eléctrica. Pola súa parte, Manuel Fernández e Pablo Alberte, director de proxecto e director de enxeñaría da empresa franco-lusa Ocean Winds, con sede en Madrid, relatarán a súa experiencia no eido da eólica mariña flotante e o seu marco normativo en España. O xestor de proxectos da Plataforma Oceánica de Canarias, Alejandro Romero, afondará nas enerxías do mar.

A xornada da Coruña versará sobre o hidróxeno verde e o biometano

A derradeira xornada do ciclo será o xoves 30 na Autoridade Portuaria da Coruña, baixo a temática do “Hidróxeno verde e biometano”. O director do Centro Español do Hidróxeno, Emilio Nieto, achegarase aos retos tecnolóxicos na produción de hidróxeno verde. Pola súa parte, Marta Carballa, profesora titular de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago, explicará os retos para a produción de biometano. Como peche, a responsable da Área de Bioenerxía do Centro Tecnolóxico EnergyLab -con sede en Vigo-, Ángela Rodríguez, dará a coñecer unha técnica destinada a xerar gases renovables de orixe biolóxica e os seus usos.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto na plataforma Zoom:

https://us06web.zoom.us/webinar/register/WN_963ovrHRTA-fHRiy0UnFAw

Share This