Juan Lema, presidente da RAGC: “Foi un economista transformador, que contribuíu á modernización da sociedade galega e española”

A RAGC concluía esta mañá os actos de homenaxe ao economista Manuel Colmeiro y Penido, “Científico Galego do Ano 2023”. En colaboración co Concello de Santiago, colocouse unha placa na súa memoria no compostelán Parque das Ciencias, onde a Academia xa ten homenaxeado a outros científicos ilustres da nosa comunidade. O acto contou coas asistencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; xunto a Gonzalo Muíños, do grupo municipal socialista, e Olaya Otero e José Antonio Constenla, do Partido Popular. Por parte da RAGC, participou o seu presidente, Juan Lema; e os académicos Manuel Freire, José Rivas, Ángel Carracedo, Senén Barro e Juan José Nieto Roig.

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.

Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Desde a RAGC salientan que “foi unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”. No transcurso do acto, Juan Lema destacou que “tras case dous séculos, boa parte das súas análises seguen a ser útiles para a comprensión da época na que viviu e, en moitos casos, as súas observacións e razoamentos conservan toda a súa validez”. Referiuse ao homenaxeado como “un economista transformador, que contribuíu á modernización da sociedade galega e española”. Puxo de relevo que “o seu espírito innovador segue inspirándonos para imaxinar un mundo onde os principios económicos sirvan como motor transformador cara a unha sociedade máis xusta e solidaria”.

Colmeiro anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.

Colmeiro foi o primeiro economista en concibir o conxunto de medidas que se deberían adoptar para desbloquear o crecemento económico de Galicia. Avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico.

A pegada de Colmeiro na cidade de Santiago

Manuel Colmeiro naceu e viviu na cidade de Santiago de Compostela case trinta anos, ata que marchou para Madrid. Na capital galega foi socio de mérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País, onde formou parte de comisións que traballaron na reforma de pesos e medidas e o sistema monetario español, na renda do sal e nos estudos preliminares para establecer unha fábrica de sedas e algodóns na cidade. En Compostela tamén foi membro da Xunta Municipal de Beneficencia, na que deixou a súa pegada na comisión encargada de promover a construción de estradas na provincia.

Share This