O académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan José Nieto Roig, recibiu onte o Premio Conde de Cartagena de investigación traslacional da Real Academia Nacional de Medicina de España. O galardón recoñece o seu traballo titulado ‘Aproximacións interdisciplinarias e ciencia integral na loita contra a COVID-19 e futuras epidemias’. O acto celebrouse onte martes, 11 de xaneiro, por streaming. Desde a RAGC felicitamos sinceramente ao noso compañeiro pola distinción.

A Fundación da Real Academia Nacional de Medicina de España convoca anualmente o certame de premios da RANME co fin de recoñecer publicamente o labor, a entrega, o traballo e a traxectoria dos profesionais da medicina española. A convocatoria 2021 engloba un total de 23 distincións que se outorgan en 8 categorías diferentes. En concreto, o Premio Conde de Cartagena é un dos nove que se engloban na categoría de investigación.

Catedrático de Análise Matemática da USC

Nieto é catedrático de Análise Matemática da Universidade de Santiago (USC). É director do Instituto de Matemáticas da USC e coordinador do grupo de investigación sobre Ecuacións Diferenciais. Foi bolseiro Fulbright na Universidade de Texas. Os seus principais intereses en temas de investigación e divulgación son o estudio dos sistemas dinámicos, a modelización matemática a as súas aplicacións a problemas reais e biomédicos.

Foi editor-xefe da revista Nonlinear Analysis: Real World Applications e na actualidade é editor-xefe de Fixed Point Theory and Applications e  editor, entre outras, do Journal of Mathematical Analysis and Applications, International Journal of Biomathematics e do Journal of the Franklin Institute.

Figura nas últimas edicións da lista publicada por Clarivate Analytics (antes Thomsom Reuters) dos Investigadores Altamente Citados desde o ano 2014.  Tamén é avaliador e asesor de distintos organismos e axencias nacionais e internacionais e membro, entre outros, fundador da CorBI Foundation (Coruña Biomedical Investigation Foundation) e do Comité Científico da Fundación Gadea por la Ciencia.

Share This