A súa figura deu nome á Fundación Rof Codina da Universidade de Santiago e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo

Será o científico homenaxeado no “Día da Ciencia en Galicia” que este ano se celebrará o 6 de outubro

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará ao veterinario Juan Rof Codina como “Científico Galego do Ano”, decisión que se anunciou no acto de apertura do curso académico 2022 o pasado 22 de febreiro.A RAGC valorou detidamente a figura de Rof Codina e salientou a súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos.Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 6 de outubro co gallo do “Día da Ciencia en Galicia”, programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións.

Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Cataluña, 31 de agosto de 1874 – Lugo, 31 de agosto de 1967) foi un dos principais impulsores da veterinaria en España. Terceiro fillo dunha modesta familia catalá, na que seu pai, Pablo Rof Xirinachs, tiña un taller de ferrería e de labores de cerralleiro, Rof viuse obrigado a deixar a escola para axudalo no taller. Animado pola súa nai, Micaela Codina Portillo, desprazouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Veterinaria, traballando primeiramente de mancebo nunha farmacia para costearse os gastos.

Obtivo o posto de tenente veterinario militar en 1898 e foi destinado a Lugo, onde naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor neste ámbito foi o veterinario Ramón Carballo, co que estableceu unha relación máis que profesional ao casar coa súa filla Concepción Carballo Lameiro. Xunto a outros técnicos agropecuarios da época, Rof Codina traballou arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, destacando dous campos: a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria para a mellora substancial do continxente gandeiro, para o que comeza a escribir artigos de difusión de boas prácticas; e a organización e valorización da profesión veterinaria en España.

A súa presenza na Galicia rural permítelle familiarizarse coas enfermidades máis difundidas na época, como o gripo – glosopeda ou febre aftosa– e a nacida –carbunco bacteriano–, converténdose no primeiro divulgador dos traballos de Pasteur sobre estas enfermidades. En canto a aspectos organizativos, foi tamén un decidido agrarista e participou en varias iniciativas destinadas a difundir o asociacionismo agrario, axudando, por exemplo, na creación de sociedades de seguros mutuos.

Defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia

En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar a Lugo ao ano seguinte e, despois de ascender ao grao de capitán, solicitou a excedencia. Así, xunto ao seu cuñado Jesús Carballo, tamén veterinario, abriu en 1905 a primeira clínica veterinaria galega, que foi tamén a primeira do Estado no seu xénero, chamada a Gran Clínica Veterinaria de Lugo que conseguiu a representación exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur para Galicia e Asturias. Así, liderou as campañas de vacinación chegando a vacinar el mesmo a 250 cabezas de vacún nun só día.

Sería tamén un dos máis destacados participantes do famoso faladoiro do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luis Pimentel ou Manuel María. En 1909 obtivo o posto de Inspector Provincial de Hixiene Pecuaria e trasladouse á Coruña, onde exerceu o cargo durante máis de vinte anos. Foi organizador de concursos de gando  para o que inventou o Compás ou Bastón Rof (unha especie de pé de rei) para lograr unha máis perfecta medición nestes certames. Publicou a monografía “La raza bovina gallega”, un estudo no que se sentaron as bases do morfotipo do que logo sería a Raza Rubia Galega.

Juan Rof foi, asemade, un defensor do patrimonio natural e cultural de Galicia. O seu papel foi decisivo para preservar a Muralla romana de Lugo, fronte a unha iniciativa para o seu derrubo co propósito de “favorecer o crecemento da cidade”. O material de pedra, segundo o proxecto, sería empregado en obras como os portos da Coruña ou Ferrol. Os seus argumentos culturais e técnicos (o cálculo detallado dos carros tradicionais que serían necesarios para levar a cabo a operación) foron fundamentais para desbotar a idea. 

En 1932 pasou a dirixir a Inspección Xeral Veterinaria en Madrid. Desde ese posto, centrouse no desenvolvemento e dignificación da gandería. Trala Guerra Civil Española, o réxime franquista abriulle un expediente e foi condenado ao desterro en Tenerife, illa na que permanecerá ata 1941, data na que regresou de novo a Lugo. Na súa cidade de adopción xubilouse en 1944, aínda que permaneceu activo a través da Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia, que el mesmo creara, ata a data da súa morte aos 93 anos. Nos seus últimos anos, foi nomeado Lucense do Ano (1964) e concedéuselle a Medalla de Ouro da Asociación Nacional Veterinaria (1965).

Ao longo de toda a súa vida escribiu unha inxente cantidade de artigos destinados a difundir as novas teorías nos terreos da agricultura e a gandería. Entre as súas obras destacan “Galicia Pecuaria” (1927), “El color de la yema de huevo de gallina” (1951), “La avicultura en Galicia” (1952) ou “Nociones de avicultura” (1962). A maior parte da súa obra orixinal e da súa biblioteca persoal foi doada en 1995 pola súa filla Carmen Rof Carballo á Biblioteca da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aínda que actualmente o Fondo Rof Codina está na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da USC. Juan Rof Codina dá nome á Fundación Rof Codina –creada en 1994 e vinculada á USC– e ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo, así como a unha rúa nesta cidade, a outra en Monforte de Lemos e a uns xardíns na súa localidade natal en El Prat de Llobregat (Barcelona). Outro dos seus fillos foi o prestixioso médico e ensaísta Juan Rof Carballo (Lugo, 11 de xuño de 1905 – Madrid, 12 de outubro de 1994), pai da medicina psicosomática e membro da Real Academia Española, encadrado na chamada Xeración do 36.

Share This