Carmen Isabel Álvarez Lorenzo

Catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmaceútica na USC

Conta con 23 anos de investigación posdoutoral en institucións académicas en España e USA (Massachusetts Institute of Technology, MIT) e en colaboración con industrias. É Farmacéutica Especialista en Farmacia Industrial e Galénica; Experta Universitaria en Administración de Empresas, Dirección e Xestión (UNED, 2019). O seu traballo sitúase na interfase da bioloxía, a ciencia dos materiais e a medicina coa tecnoloxía farmacéutica; e deu lugar a unha ampla variedade de sistemas de administración de fármacos en escalas macro, micro e nano, a produtos de combinación fármaco-produto sanitario e a scaffolds para medicina rexenerativa. As súas achegas recóllense en máis de 320 artigos en revistas indexadas JCR (+90% Q1), 37 capítulos de libro, 2 libros en coedición, máis de 380 comunicacións, 18 patentes e a dirección de 22 teses de doutoramento xa defendidas.

É coordinadora do grupo I+D Farma, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia. É Académica Numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia e Correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía. Recibiu premios tan prestixiosos como a Bolsa Leonardo (Fundación BBVA, 2015) ou o Premio estatal á Mellor Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica, Innovatia 8.3 (2018). Foi elixida Fellow do American Institute for Medical and Biological Engineering (AIMBE, Washington DC, 2021), centro que integra ao TOP 2% das persoas máis relevantes do mundo nos campos da enxeñaría médica e biolóxica. En 2021 recibiu a medalla de investigación “Ánxeles Alvariño González” da RAGC.