María Soledad Soengas González
Xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO)
Licenciouse en Biloxía na Universidade da Coruña (UDC) e iniciou a súa formación investigadora no Laboratorio da doutora Margarita Salas, no Centro de Bioloxía Molecular “Severo Ochoa”, na Universidade Autónoma de Madrid, onde realizou o seu doutoramento. A súa formación de posdoutoramento e a consolidación como investigadora en Bioloxía Molecular orixináronse coas súas estancias en Cold Spring Harbor (New York) e a Universidade de Michigan, entre os anos 1997 e 2008.
Desde o seu ingreso no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), no ano 2008, formou un Grupo de Investigación especializado no estudo do cancro de pel (Melanoma). Da investigación dos mecanismos moleculares da evolución das células do melanoma, resultou o descubrimento de proteínas capaces de controlar a metástase destas células. Os resultados das súas investigacións están recollidos en máis de 200 publicacións nas revistas científicas máis relevantes. Especial mención merecen os seus traballos publicados, nos últimos anos, en Cell e Nature.
Recibiu o Premio María Wonenburger da Xunta de Galicia en 2009, o premio da Society for Melanoma Research en 2017, e a Praca de Honra da Asociación Española de Científicas. É cofundadora do grupo “Mulleres Influíntes de Galicia”.