A académica Marisol Soengas, unha das investigadoras máis prestixiosas do mundo na loita contra o melanoma, o cancro de pel máis común e letal, é a galardoada este ano co Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal. O galardón leva once anos ofrecendo apoio á investigación oncolóxica.

Ramiro Carregal refírese a Marisol Soengas como “un exemplo de traballo, dedicación e resultado dunha investigadora galega que é recoñecida en todo o mundo”. Pola súa parte, a premiada asegurou ao coñecer o fallo do xurado que “como científica e como galega, este premio é todo un orgullo, tamén polo que supón de visibilización do talento feminino en investigación na oncoloxía básica e clínica”.

O presidente do xurado, o doutor Rafael López, quixo sinalar “as destacadas contribucións de Marisol Soengas á investigación básica e traslacional do melanoma, así como os seus avances cara a un mellor tratamento deste tipo de tumor, que é o máis agresivo dos cancros de pel”.

A esta convocatoria preséntanse cada ano decenas de candidaturas procedentes de diferentes países, coa concorrencia dalgúns dos investigadores e investigadoras máis relevantes do momento.

Share This